Demetrio Gómez presenta o programa Ponteverán 2026 | Concello de Pontev edra

Ponteverán 2026 oferta 619 prazas gratuítas para 23 actividades culturais e de lecer

27 Maio 2026

  • Esta nova edición ampliará tanto o número de prazas como de actividades, que sumarán 23 propostas entre campamentos urbanos, obradoiros culturais e artísticos e actividades de natureza, deporte e aire libre ou informática.
  • Terán lugar entre o 6 de xuño e o 29 de agosto, e o prazo para achegar solicitudes estará activo na plataforma apuntate.pontevedra.gal a partir do vindeiro luns 1 de xuño.
  • Na asignación de prazas non primará a orde. A organización procurará que todas as persoas inscritas poidan participar dalgunha das propostas e realizará sorteos no caso de ser necesario. Terá prioridade a mocidade do municipio.

O edil de Xuventude, Demetrio Gómez presentou unha nova edición da iniciativa Ponteverán que cada ano oferta actividades culturais e de lecer para cativada e mocidade durante a tempada estival. Serán desta volta 23 propostas e 619 prazas que abrirán o seu prazo de preiniscrición o vindeiro luns 1 de xuño na plataforma municipal apuntate.pontevedra.gal

Gómez apuntou que “a finalidade destas actividades é que durante uns días do verán, rapazada e mocidade faga algunha actividade diferente. O sistema de asignación de prazas non atende á orde das solicitudes, buscamos que todas as persoas inscritas poidan participar dalgunha das propostas, que o reparto sexa equitativo e se podemos, evitar o sorteo. Por exemplo no caso do campamento ‘Regreso á prehistoria” que é o único que ten pernocta e é unha experiencia moi diferente, priorizaremos os nenos e as nenas que non foron nunca. Podes atopar toda a información no web, telefónicamente ou en xuventude@pontevedra.gal e tamén solicitar citas presenciais para achegar documentación ou facer consultas”.

A continuación o edil debullou unha programación pensada para diferentes franxas de idade, comezando con campamentos urbanos para os máis pequenos, entre os 8 e 12 anos, centrados no teatro, a busca de reliquias botánicas, a ecoloxía en Monte Porreiro ou a música, xunto con propostas de iniciación ao piragüismo en Ponte Sampaio e o mini campamento sobre a prehistoria e a natureza.

Para o público a partir dos 13 anos, a oferta diversifícase con obradoiros de cociña intercultural, creación de singles musicais, bordado mexicano, aulas de teatro do mundo, xardíns eternos e formación en informática centrada na navegación segura e na introdución á intelixencia artificial.

O programa complétase con actividades de aire libre e deporte, como o laboratorio de arte sonora ou rutas en caiac e paddle surf polo río Lérez, ademais de xornadas abertas a tódolos públicos que inclúen orientación urbana, dendrocronoloxía, ou observacións astronómicas en Cotobade e o Verdugo.

Demetrio apuntou que a primeira das actividades, o 6 de xuño, é a única que non está aberta ao público en xeral salvo que queden vacantes: “Tratase dunha charla ténica destinada a observación da eclipse solar do 12 de agosto, dirixida a mediadores sociais e monitorado tempo libre, para que poidan dirixir actividades o 12 de agosto con absoluta seguridade. Facemos en colaboración con Sirio, a Asociación Astronómica de Pontevedra”

Desde a organización sublíñase a importancia do compromiso coa asistencia e a necesidade de comunicar calquera renuncia para permitir o acceso ás persoas que se atopen en lista de agarda.

Está pasando!