Ribadumia oferta máis de 50 actividades para o novo curso, con propostas municipais e de distintas asociacións

10 Setembro 2026

O prazo de inscrición nas actividades municipais abrirá o 14 de setembro ás 08:00 horas, cunha programación que reúne propostas de carácter deportivo, cultural, formativo e creativo para diferentes idades e intereses


O Concello de Ribadumia abrirá o vindeiro 14 de setembro ás 08:00 horas o prazo de inscrición nas actividades municipais de lecer e tempo libre para o curso 2026/2027.

A programación reúne máis de 50 propostas, entre as actividades organizadas directamente polo Concello e as promovidas polas diferentes asociacións do municipio.

A oferta inclúe opcións para diferentes idades e intereses, con actividades deportivas e de actividade física, baile, idiomas, informática, lóxica e matemáticas, patinaxe ou pilates, xunto con outras propostas culturais, creativas e formativas como pintura, teatro, cociña, talleres de memoria, cestería, arte floral, elaboración de velas artesanais ou patronaxe e confección de prendas, entre outras.

No caso das actividades municipais, o prazo de inscrición abrirase o luns 14 de setembro ás 08:00 horas. As prazas son limitadas e a adxudicación realizarase por orde de entrada das solicitudes.

As persoas interesadas poderán formalizar a inscrición de maneira presencial nas oficinas municipais ou a través da sede electrónica, presentando o formulario correspondente xunto coa documentación requirida. Será necesario achegar copia do DNI e certificado da conta bancaria e, no caso das actividades de ximnasia e mantemento do Club Sénior, tamén copia da tarxeta sanitaria.

As actividades están previstas para comezar na primeira semana de outubro, sempre que se forme o grupo mínimo de asistentes.

O Concello de Ribadumia impulsa cada ano esta programación co obxectivo de ofrecer unha proposta ampla e variada, adaptada a diferentes idades, intereses e afeccións. O interese por estas actividades esténdese ademais máis alá do propio municipio, con participación tanto de veciños e veciñas de Ribadumia como de persoas procedentes de concellos da contorna.

Toda a información sobre as propostas incluídas na programación, así como horarios, espazos, cotas e prazos de inscrición, pode consultarse na Axenda de actividades municipais e doutras entidades 2026/2027, dispoñible na páxina web do Concello de Ribadumia, nas oficinas municipais e nas redes sociais.

Está pasando!