‘Sanxenxo Fala’ volve cunha ampla programación cultural que encherá de música e letras o municipio durante o mes de maio

5 Maio 2026

O programa cultural ‘Sanxenxo Fala’ encherá de programación para todos os públicos o municipio durante o mes de maio. As actividades comezarán o sábado 9 de maio, co IV Encontro Labores na Rúa Os Gatiños de Portonovo, na Praza do Mercado, de 15:30 a 22:30 horas, organizado pola Asociación Cultural Os Gatiños de Portonovo en colaboración co Concello de Sanxenxo.

O domingo 10, o Auditorio Emilia Pardo Bazán, acollerá o espectáculo cómico-musical ‘Aínda estamos de festa’, con Pepo Suevos e Dani Dopazo pensado para os maiores do municipio, con entrada gratuíta.

O venres, 15 de maio, celebrarase o acto das Letras Galegas 2026 cunha homenaxe a Begoña Caamaño, a cargo da xornalista do Diario de Pontevedra, Alba Moledo. Realizarase o acto de entrega dos premios do Concurso Picariños do CCD Sanxenxo na Biblioteca Emilia Pardo Bazán ás 20:30 horas.

O espectáculo narrativo e de maxia ‘A Maleta Viaxeira’ do Mago Paco chegará os días 5, 7, 8, 11 e 12 de maio aos centros educativos do municipio.

O sábado 16, ás 16:30 horas no Auditorio Emilia Pardo Bazán, terá lugar ‘Aprende cantando cos Piñeiriños’, un espectáculo musical con obsequio de disco-libro ás familias asistentes. As entradas gratuítas deben retirarse a través da plataforma Ataquilla.

O domingo 17 de maio, celebrarase o Festival das Letras Galegas de Portonovo, no estacionamento do Mercado de Abastos, a partir das 19:00 horas. Organizan a Coral Polifónica Santa María de Adina e os Gatiños de Portonovo coa colaboración do Concello.

O sábado 23, o programa Fala Redes, leva ao Auditorio Emilia Pardo Bazán ‘As Mil e Unha’ de Vero Rilo e Luis Iglesias, ás 19:00 horas. Concibido como un programa radiofónico en directo, ‘As Mil e Unha’ propón unha viaxe imaxinativa e chea de sensibilidade polo universo literario de Caamaño. As entradas gratuítas deben retirarse a través da plataforma Ataquilla.

Está pasando!