Sinsal 2023 | © Olalla Lojo

Sinsal SON Estrella Galicia actualiza a súa política de sostibilidade e lanza #sinsalsenrastro, unha iniciativa para transformar o modelo de xestión de residuos

4 Xuño 2024

  • O festival convida ao público a ser responsable dos seus propios residuos nunha edición na que non haberá papeleiras dispoñibles na illa; e, os que se xeren durante o evento, recolleranse e separaranse nun novo espazo, nomeado ‘Punto R’
  • Sinsal, recoñecido como o festival máis sostible nos Premios FEST 2019 e 2023, alenta ás e aos asistentes a levar a San Simón o seu propio ‘kit festivaleiro’, evitando así a xeración de utensilios e envases dun só uso; á vez que lembra ao público que hai distintas fontes de auga potable na illa

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia dá este verán un paso máis no seu compromiso coa contorna, a saúde e o planeta. O evento, que se celebrará do 26 ao 28 de xullo na illa de San Simón, e que foi recoñecido como o festival máis sostible de España en 2019 e 2023 nos Premios FEST, porá en marcha a iniciativa #sinsalsenrastro, co obxectivo de lanzar unha mensaxe de concienciación e apelar á responsabilidade compartida á hora de transformar o modelo de consumo actual implicando a público, empresas colaboradoras e patrocinadoras na xestión dos residuos.

Despois de traballar desde 2018 na redución e reutilización de elementos, este ano Sinsal proponse renovar a súa estratexia inicial e actualizar a súa política de sustentabilidade. Ademais de subscribir o protocolo do Pacto Cultura Sustentable, o festival dirixe o foco á necesidade de garantir unha correcta recollida e xestión dos residuos coa intención de que esta práctica non só se poña en marcha durante o evento, senón que incorpore no día a día de todas as persoas vinculadas ao mesmo.



Así, tomando como punto de partida a teoría das 3R (reduce, reutiliza e recicla) e baixo a premisa de que o mellor residuo é aquel que non se xera, Sinsal presenta #sinsalsenrastro, unha iniciativa coa que o festival pretende lanzar unha mensaxe de concienciación e co que apela á responsabilidade individual e colectiva á hora de consumir e xestionar os residuos.

#sinsalsenrastro recollerá todas aquelas actividades ou propostas dirixidas a este fin, como é o uso por parte do público da vaixela reutilizable do festival (que este ano, ademais, engade cuncas e panos de mesa de tea aos xa habituais pratos e vasos). Ademais, incorpora unha sinxela iniciativa que, a ollos da organización, é aplicable na rutina diaria. Este 2024, Sinsal SON Estrella Galicia propón ao público que acuda a San Simón co seu propio ‘kit festivaleiro’: cubertos, prato, pano de mesa e, mesmo, un vaso ou recipiente co que se pode solicitar algunha das bebidas do festival ou obter auga potable gratuíta nos distintos puntos distribuídos ao longo de todo o arquipélago.

Outra das novidades de Sinsal 2024 será que non haberá papeleiras dispoñibles nas illas de San Simón e San Antón. Tanto a vaixela reutilizable do festival como os residuos xerados polo evento (restos de comida, cartón de pizza, etc.) recolleranse e separaranse nun único espazo habilitado pola organización, nomeado Punto R. Pola súa banda, os residuos alleos ao evento (envases ou alimentos non proporcionados polo festival, cabichas ou outro tipo de materiais) terán que saír da illa coas persoas que os xeren. É dicir, cada asistente terá que ser responsable dos seus restos: o que leve á illa, deberá regresar a casa para proceder á súa correcta separación.

Co obxectivo común de poñer en práctica #sinsalsenrastro, Sinsal ofrece unha serie de recomendacións ao público, que se poden consultar tanto na páxina web do evento como nas súas redes sociais. Por último, o festival lembra que as persoas fumadoras deberán viaxar a San Simón cun cinceiro portátil, que se poderá baleirar ao regresar ao litoral, e que no arquipélago só se poderá fumar nas zonas acoutadas para tal efecto.



Obradoiro infantil ‘Binomios fantásticos’

A mensaxe de concienciación de #sinsalsenrastro tamén chegará ás actividades paralelas gratuítas destinadas ao público infantil, como é o taller creativo que Cristina González, de Arte y Garabato, impartirá, en distintas sesións, nas tardes do sábado 27 e domingo 28 na capela da illa de San Simón. Tal e como vén sendo habitual nos últimos anos, este proxecto vigués propoñerá visualizar a oportunidade de dar novos usos a materiais reutilizados a través da creación artística. As e os asistentes aos talleres poderán aprender a xerar propostas sostibles e respectuosas co medio atendendo, entre outras cuestións, ao seu impacto ambiental.

Así, tomando como referencia os ‘Binomios fantásticos’ ideados por Gianni Rodari no seu libro ‘Gramática da fantasía’, así como o proxecto cultural italiano ReMida, as e os participantes -que poderán estar acompañados de persoas adultas- explorarán as diferentes posibilidades creativas, lúdicas e estéticas que ofrecen os materiais que reutilizarán durante a sesión, como obxectivos domésticos, retales téxtiles ou mostrarios de madeira. A participación no taller infantil será, un ano máis, gratuíta; e todas aquelas persoas interesadas en asistir deberán reservar a súa praza ao desembarcar na propia illa de San Simón.

Sinsal SON Estrella Galicia

Sinsal SON Estrella Galicia é un dos eventos sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal. Cada ano, Sinsal ofrece a un público reducido -800 persoas por día- a posibilidade de gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento nun escenario excepcional: a illa de San Simón, declarada Ben de Interese Cultural (BIC).

Un dos sinais de identidade do evento é o seu cartel secreto, que as e os asistentes só descobren ao desembarcar na illa, situada no corazón das Rías Baixas. Este ano, a programación musical caracterizarase pola diversidade de estilos musicais e orixes das máis de 20 bandas e solistas que actuarán nos cinco escenarios desta edición e que convivirán, durante unha fin de semana, en San Simón.

Alén das actuacións, que cada día serán diferentes, durante o festival sucederanse numerosas actividades paralelas divulgativas, co obxectivo de dar a coñecer tanto a historia como o patrimonio cultural e natural de San Simón; ademais de propostas específicas vinculadas á sustentabilidade ambiental e concienciación; á recuperación e posta en valor dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas como as Sesións San Simón ou os talleres A Escola Sinsal; ou as promovidas a través dos Rías Baixas Fest, proposta da Deputación de Pontevedra para promover a programación cultural, a contorna natural e a gastronomía do territorio a través dos festivais máis relevantes da provincia.

Está pasando!