Manu Lourenzo e Rosana Martínez Boullosa presentan a excursión +65 | Concello de Soutomaior

Soutomaior ultima todos os detalles para que os maiores de 65 anos empadroados no concello gocen de Ourense e Carballiño

9 Abril 2025

  • O programa Ronsel, da concellaría de Igualdade e Benestar Social, achega esta excursión, gratuíta, para personas maiores de 65 anos empadroadas/os no Concello de Soutomaior.
  • Unha cita que terá lugar o domingo 11 de maio e que será á cidade de Ourense e ao Parque Municipal do Carballiño.
  • As inscricións para esta cita serán en liña dende mañá, 10 de abril, ata o día 30 deste mes. As persoas que precisen axuda poderán realizar a inscrición no concello ou no Multiúsos en horario de 9:00 a 14:00h.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a concelleira de Igualdade e de Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa, presentaron hoxe a excursión para maiores de 65 anos que se desenvolverá o día 11 de maio e cuxo destino, neste 2025 será Ourense e o Parque Municipal do Carballiño.

Unha iniciativa que chega dentro do programa RONSEL co fin de desfrutar do avellentamento activo e do tempo de lecer a través dos espazos naturais, da cultura, da historia e da natureza.

Todas e todos os interesados deberán inscribirse en liña dende mañá ata o 30 de abril. O único requisito que hai que ter é ser maior de 65 anos e estar empadroado no Concello de Soutomaior.



Unha excursión que inclúe: ás 09:15h. Saída dos autobuses desde Soutomaior (os autobuses farán paradas en: Casa do Concello, Sobral, Aranza, Alxán, Val, Comboa, Moreira, Romariz, Lourido, Cruce de Pierres (Arcade), ás 11:00h. está prevista a chegada a Ourense con visita guiada pola cidade de Ourense percorrendo prazas e rúas medievais, a Praza Maior, igrexas, edificios de interese e lugares emblemáticos como as Burgas e o Ensanche decimonónico de Ourense.

Posteriormente ás 13:00h. terá lugar a saída cara O Carballiño con chegada, ás 13:40h. ao Parque Municipal do Carballiño. Tempo libre para visitar esta zona de recreo de 32 hectáreas situada entre a zona residencial e río Arenteiro.

Con sendeiros, pontes, o Gran Balneario. o parque Etnográfico do Arenteiro, os muíños restaurados, etc. Ás 14:15h. terá lugar o xantar, onde haberá unha carpa equipada para o xantar de todo o grupo na zona urbana do parque. Un xantar que inclúe: Entrantes. Prato principal (carné ou peixe). Sobremesas. Café e chupitos. E xa pola tarde ás 16:30h. terá lugar a verbena amenizada polo Trío Tic Tac.

Tralo baile e o desfrute está prevista a chegada a Arcade – Soutomaior en torno ás 20:00h.

Todas aquelas persoas que precisen axuda coas inscricións en liña, pode facela nas Oficinas Xerais do Concello (Soutomaior en horario de 9:00 a 14:00h) ou nos Servizos Sociais (Multiúsos, Arcade en horario de 9:00 a 14:00h).

Dende o concello sinalan que é moi importante lembra que as persoas que precisen ir con acompañante deberán entregar un xustificante xunto coa inscrición acreditando esta necesidade, esta persoa tamén deberá inscribirse para que quede reservada a súa praza.

Está pasando!