Tanxugueiras | © Rocio Cibes

Teatro e música para visibilizar a muller artista na programación de verán de Pontevedra

13 Xullo 2021

Aínda que a programación de verán ‘O son da rúa’ inclúe de forma transversal o enfoque de xénero de xeito que as mulleres artistas están presentes en todos os programas que se inclúen, tamén  dedica un ciclo exclusivamente á visibilización da figura da muller nas artes escénicas e na música galegas.

Con esta filosofía chega ‘Con voz de muller’ á praza da Ferraría os días 14,15, 16, 17 e 18 de xullo, en sesións que comezan ás 22:00 horas e que inclúen dúas representacións teatrais e tres concentos.

A veterana compañía teatral Chévere será a encargada de levantar o pano o mércores 14 de xullo co espectáculo ‘As fillas bravas e o mito de Casandra’. Unha obra na que, dunha banda, tres mulleres maiores tratan de entender o cambio climático e facerlle fronte aplicando os saberes e a experiencia dunha vida longa no rural e, por outra, é unha obra con perspectiva de xénero á procura de personaxes femininas empoderadas, colocando o foco nunha muller afirmativa, autónoma, creativa e implicada na colectividade.

O xoves 15 a compañía A Panadaría representará ‘Elisa e Marcela’, espectáculo sobre a historia real do primeiro matrimonio lésbico que tras a súa estrea en 2018 ten recibido 9 galardóns, entre os que se contan o Premio ao Mellor Espectáculo María Casares 2018, premios ás actrices, ao texto, á driección, premios do público e premios de igualdade e LGTBIQ+.

Na fin de semana será a quenda da música e será a banda Tanxugueiras a que suba ao escenario da Ferraría o venres 16, seguida de Amparanoia o sábado 17 e pechará o ciclo Uxía o domingo 18.

Todas as sesións, ao igual que todas as actividades de ‘O son da rúa’, terán lugar na área aforada da praza e na que é de obrigado cumprimento as normas de seguridade vixentes por mor da actual situación sanitaria.

Está pasando!