‘Unha inimiga do pobo’ | © Talía Teatro

‘Unha inimiga do pobo’, o espectáculo de Talía Teatro que arrasou nos premios María Casares con sete galardóns, chega esta fin de semana á Sala Ártika de Vigo 

15 Xaneiro 2025

Esta fin de semana, chega á Sala Ártika de Vigo ‘Unha inimiga do pobo’, o espectáculo de Talía Teatro que arrasou nos premios María Casares con sete galardóns: Mellor espectáculo, Mellor dirección, Mellor actriz protagonista, Mellor actor secundario, Mellor adaptación, Mellor espazo escénico e Mellor iluminación.

Unha inimiga do pobo é a adaptación dunha das pezas máis significativas da literatura dramática universal. Cento corenta anos despois o texto de Henrik Ibsen segue a servir de material inflamable para denunciar unha forma de facer política que antepón os beneficios económicos sobre a saúde da poboación, ao tempo que permite reflexionar sobre o poder dos medios de comunicación á hora de moldear a opinión pública e colocala no lugar no que ao poder lle interesa.



A vixencia do texto maniféstase ao descubrir como os problemas incipientes que o protagonista afrontaba no século XIX aínda se volveron máis profundos e nocivos na actualidade.

Coa vontade de aproximar aínda máis a peza, a Galicia actual serve de escenario para unha proposta onde a desinformación, o poder das redes sociais, a crise ecolóxica e a depredación neoliberal deseñan un contexto hostil no que as emocións humanas son sometidas á máxima presión.

SINOPSE

Helena é unha doutora de prestixio internacional que regresa á vila natal para comezar unha nova etapa. Embarazada de sete meses, afronta o seu novo estado coa ilusión posta nun novo proxecto profesional: o balneario que ela mesma deseñou, e que se presenta como un alternativa turística sostible e saudable para a súa vila.

A inesperada contaminación das augas da zona e a súa loita por preservar a saúde da poboación fronte aos intereses económicos van colocala no punto de mira da veciñanza, que ve como se pon en risco a prosperidade da comunidade.

  • Autor: Henrik Ibsen
  • Dramaturxia: Vanesa Sotelo e Tito Asorey
  • Dirección: Tito Asorey
  • Elenco: Marta Lado, Toño Casais, Dani Trillo, Rubén Prieto, Marta Ríos, María Ordóñez, Diego Rey, Artur Trillo, Xurxo Barcala

As funcións terán lugar o venres 17, sábado 18 e domingo 19 de xaneiro ás 20:00 horas.

As entradas teñen un prezo de 16 euros ou 13 euros (máis gastos de xestión) en artikavigo.com

Está pasando!