
Vigo vaise mover “polo dano cerebral” coa Carreira e Andaina Solidaria do 6 de xullo en Navia
19 Xuño 2025
- Esta mañá presentouse a proba deportiva no Concello de Vigo coa responsable de Política Social, Yolanda Aguiar.
- Aberta a todas as idades e capacidades, esta actividade inclusiva entregará agasallos e sorteará unha camiseta asinada do Celta.
- Dano Cerebral Galicia quere promover uns hábitos de vida saudables e celebrar os #25AnosPoloDanoCerebral das súas asociacións da Coruña, Santiago e Vigo.
Todos os vigueses e viguesas, e moi especialmente a veciñanza de Navia, foron chamados hoxe por Jesús Vílchez, da Xunta Directiva de Alento, a “percorrer as rúas do noso barrio” o vindeiro 6 de xullo na 4ª Carreira e Andaina Solidaria Camiñando polo Dano Cerebral, que este ano celebra, ademais os 25 anos de Alento.
A concelleira de Política Social de Vigo, Yolanda Aquiar, lembrou, precisamente, o obxectivo de “conmemorar os 25 anos das tres entidades, a nosa, a da Coruña e a de Santiago. En Vigo homenaxeamos a Alento nomeándoos vigueses distinguidos”, e lembrou que o alcalde, Abel Caballero, estivo na entidade entregando estas condecoracións para “que se sintan moi vigueses e moi distinguidos”, subliñando o compromiso do consistorio cos seus veciños e veciñas con dano cerebral adquirido.
Aguiar salientou tamén o interese da súa concellería en apoiar os outros obxectivos que ten Dano Cerebral Galicia ao convocar esta proba deportiva: lembrar a importancia da prevención do dano cerebral adquirido a través duns hábitos saudables, que pasan necesariamente polo exercicio físico, e concienciar sobre as necesidades do noso colectivo, nomeadamente no referente ao dereito á participación social e o ocio inclusivo.
De inclusión falou tamén Luciano Fernández, o presidente de Dano Cerebral Galicia, ao achegar a toda a información sobre as diferentes modalidades da proba e a centralización da inscrición na plataforma Magma Sports, que vai permanecer aberta ata o 2 de xullo (durante toda a xornada, ata as 23:59).

Aberta a todas as idades e capacidades: categorías, agasallos e premios
Luciano Fernández fixo fincapé na posibilidade de “correr ou camiñar, en función das capacidades de cada quen”, e informou de que a asociación Discamino está dispoñible para facilitar, cos seus vehículos adaptados e o seu voluntariado, a participación na andaina de todas as persoas con calquera discapacidade.
A 4ª Carreira e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral conta con cinco modalidades diferentes:
- Absoluta (5 km). Proba competitiva na que pode participar calquera persoa maior de 16 anos, federada ou non federada. Inscrición 5 euros. Haberá trofeos para o/a 1º, 2º e 3º clasificado e clasificada na categoría Absoluta, así como para o 1º e a 1ª nas categorías Sénior (nado entre 2007 e 1991), Máster 1 (+35 anos), Máster 2 (+45 anos), Máster 3 (+55 anos) e Máster 4 (+65 anos). Os/as segundos e terceiros clasificados e clasificadas de todas as modalidades, agás a Absoluta, recibirán unha medalla.
- Sub 16 e Sub 14 (1.200 metros). Proba competitiva na que poderán participar todas as persoas nadas entre 2010 e 2011, para Sub 16; e entre 2012 e 2013 para Sub14. Inscrición 2 euros. Haberá trofeos para o 1º clasificado e a 1ª clasificada, e medallas para o/a 2º e 3º clasificado e clasificada, tanto en Sub 16 como en Sub 14.
- Sub 12 e Sub 10 (600 metros). Proba competitiva na que poderán participar todas as persoas nadas entre 2014 e 2015, para Sub 12; e entre 2016 e 2017 para Sub 10. Inscrición 2 euros. Haberá trofeos para o 1º clasificado e a 1ª clasificada, e medallas para o/a 2º e 3º clasificado e clasificada, tanto en Sub 12 como en Sub 10.
- Pitufos (100 metros). Proba non competitiva. Aberta a nenas e nenos nados a partir de 2018 ata a actualidade. Inscrición 2 euros. Haberá medallas para todos os nenos e nenas participantes.
- Andaina (5,5 km). Proba non competitiva. Poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos e os/as menores de 16 anos sempre que vaian acompañados/as dun/ha adulto/a responsable. Inscrición 5 euros e de balde para menores de 16 anos.
Jesús Vílchez amosou unha proba dos trofeos que se acaban de mencionar, elaborados nos obradoiros da súa entidade, Alento. Ademais, todas as persoas inscritas van recibir como agasallo unha camiseta conmemorativa da proba. Por riba do agasallo, vaise sortear unha camiseta do Real Club Celta de Vigo doada pola Fundación deportiva e asinada polos xogadores do primeiro equipo masculino, e tamén unha tablet doada por Ecomputer Santiago.
O presidente de Dano Cerebral Galicia lembrou igualmente que as persoas que queiran colaborar solidariamente pero non poidan participar contan cun Dorsal 0 accesible desde a mesma ligazón de inscrición.
O punto de saída e meta vaise situar na rúa Pedra Seixa, diante da sede da asociación Alento. Os horarios de saída varían en función da modalidade. A apertura de mesas de entrega de dorsais e do servizo de gardarroupa será ás 09:00 h., dando saída a carreira absoluta ás 09:45; as escolares a partir das 11:00; e a andaina ás 12:00, inmediatamente despois do acto de entrega de trofeos.

25 anos de tecido asociativo do dano cerebral adquirido
En 2025 celébrase o cuarto de século de vida das asociacións de dano cerebral decanas de Galicia. Alento en Vigo, Dano Cerebral A Coruña ADACECO e Dano Cerebral Santiago de Compostela celebran 25 anos e a Federación quere acompañar este fito incorporando a carreira á festa. Así, festéxanse #25AnosPoloDanoCerebral, mirando atrás para avaliar os logros e avances destes cinco lustros.
Dano Cerebral Galicia deseñou esta proba, que acada a súa 4ª edición, co obxectivo de visibilizar o dano cerebral adquirido, chamando á acción solidaria do conxunto da cidadanía para camiñar pola man das persoas con dano cerebral, dando un exemplo de inclusión e participación. Ademais, preténdese promover uns hábitos de vida saudable para a prevención do ictus, que é a primeira causa do dano cerebral, e que pasan necesariamente pola práctica de exercicio, evitando o sedentarismo. Por último, quérese fomentar un ambiente deportivo san, afastado de valores competitivos que levan ao estrés ou mesmo á violencia, que constitúen, tamén, factores de risco de ictus ou de traumatismos cranioencefálicos, respectivamente.
Unha proba, múltiples colaboracións
A Carreira e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral celebrouse noutras ocasións en Ourense (naquel momento, con formato de trail), Santiago de Compostela e Lalín (en dúas ocasións).
Está organizada por Dano Cerebral Galicia e Alento, a Asociación de Dano Cerebral de Vigo, contando co apoio e colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF -é dicir, grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda-, do Concello de Vigo, de Deporte Galego e da Deputación de Pontevedra. Ademais, respaldan a actividade a Asociación Vodea, o Real Club Celta de Vigo, e as empresas Abanca, Eroski, Daveiga e Toldos Gómez.
Dano Cerebral Galicia -ata 2024 Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)- é a entidade que une e representa as cinco asociacións de dano cerebral adquirido que hai en Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo. Xuntas aglutinan a máis de 2.300 persoas socias.
O dano cerebral adquirido é unha discapacidade que está causada case sempre por un ictus (78% dos casos), pero tamén por traumatismos cranioencefálicos, tumores cerebrais, anoxias ou infeccións. Produce unha serie de secuelas -moitas delas invisibles, provocando unha enorme incomprensión- que se manifestan en diferente medida e cantidade en función da persoa, e que impactan a nivel físico, sensorial, cognitivo, condutual, emocional, traendo tamén fondas repercusións a nivel social e económico. Hai máis de 35.000 persoas con dano cerebral adquirido en Galicia.