‘Máis saaabor!’ | © Culturactiva

O Concello de Bueu organiza o ‘Verán na rúa’, un proxecto de espectáculos e cinema para a cativada

1 Agosto 2024

Todos os martes haberá espectáculos familiares na Praza Massó, mentres que o cinema se alternará por diversos espazos da vila


O Concello de Bueu, a través da concellaría de cultura, organiza o ‘Verán na rúa’, un proxecto con espectáculos para a cativada que incluirá diversas disciplinas como monicreques ou malabares, e tamén cinema.

As actividades de espectáculos desenvolveranse todos os martes de agosto a partir das 21:00 horas na Praza Massó, mentres que o cinema se irá alternando por diversos lugares das tres parroquias. Segundo destaca Carmen García, concelleira de cultura, “o obxectivo é ofrecer alternativas de lecer para os pequenos e pequenas e para compartir en familia durante o verán”.



As actividades arrancarán o martes 6 de agosto co espectáculo ‘Cirkote’, no que Kote Malabar combinará circo de rúa e teatro, malabares e humor. Neste número, o artista, que leva vinte anos facendo rir e gozar a todo tipo de públicos, manterá unha relación directa actor – público nun espectáculo no que pode acontecer de todo. O seguinte martes, 13 de agosto, poderase gozar de ‘Marta sempre arriba- Hoxe si!’, un espectáculo de Marta Iglesias no que atopamos un triángulo por espazo de xogo, obxectos que soben, baixan e flotan no aire, coa combinación de música, circo e un micro.

O martes 20 será a quenda de ‘Muu Crunch 2’ no que volven os dous superheroes máis queridos do circo nunha nova aventura que incluirá unha viaxe temporal aos seus comezos: volver á escola por non sacar o título. Aí terán que vivir novos inimigos, novas aventuras, novos desafíos, nun espectáculo familiar cheo de malabares, caídas, golpes, risas e equilibrios imposibles. E o 27 de agosto está prevista ‘Máis saaabor!’, unha proposta cómica para público infantil e familiar en torno ao mundo da gastronomía e a alimentación saudable. Nela mestúrase música en directo, maxia, humor, moito ritmo e participación do público. Félix Rodríguez e Fran Rei convértense de novo en dous recoñecidos chefs que ofrecen un gorentoso, equilibrado e, sobre todo, ben afinado menú: unha comida moi musical para toda a familia.

O cinema arrancará o mércores 8 de agosto na Praza Massó, co filme ‘Robot Dreams’. As seguintes serán ‘Elemental’, que se poderá ver o mércores 14 no Parque Joe Novas de Beluso; ‘Ponyo en el acantilado’, no Torrecino o xoves 22; e ‘El viaje de Ernest y Celestine’, o mércores 28 na Casa da Aldea de Meiro.


Está pasando!