A banda viguesa Broken Peach publica o seu segundo single ‘Sin Piedad’ cunha posta en escena envolta de misterio

26 Abril 2022

Desde “inclinacións ao satanismo’” ata “venderse aos Illuminati”. Estas foron as elucubracións máis atrevidas formuladas por aqueles aos que o novo single de Broken Peach colleu totalmente por sorpresa.

A formación olívica, desmárcase temporalmente do seu habitual positivismo para presentarnos unha segunda canción orixinal máis melancólica e sentida. Nela, o membros do grupo dan vida a unha agrupación de seres misteriosos que se rexen por rituais cheos de simbolismo.

Con todo, os fans das conspiracións pouco teñen sobre o que traballar, xa que desde a propia banda aseguraron que soamente se trata dunha ficción, cuxa atmosfera poética foi inspirada por un canto ao desamor. Unha mostra máis da teatralidade propia do grupo. “Parece mentira que algúns se sorprendan por isto e non polos nosos especiais de Halloween, por exemplo”, comentan desde a propia formación. “É iso, ou é que nos coñecen moi pouco”.

‘Sin Piedad’ foi editada en inglés e castelán. E pode ser gozada tanto en plataformas dixitais como na canle de Youtube de Broken Peach, que actualmente xa roza a cifra dos 200.000 subscritores.


Sobre Broken Peach

Broken Peach é unha banda viguesa de Rock&Soul fundada en 2010. Tras 12 anos de existencia visitaron todo tipo de escenarios: desde concertos privados, ata festivais internacionais, pasando por estudios de televisión ou eventos deportivos.

A súa canle de Youtube xa roza os 200.000 subscritores e nalgún dos seus vídeos conta mesmo con máis de 7 millóns de visualizacións (máis de 32 millóns en total). A súa estética grupal e extravagante adoita ser a “marca da casa” que lles caracteriza.

Está pasando!