Xoguetes recollidos na campaña ‘Ningunha crianza sen xoguete’ | © Concello de Poio

A campaña solidaria “Ningunha crianza sen xoguete” chegará a preto de 50 familias de Poio

9 Decembro 2024

Natividad Torres agradece a implicación da veciñanza, “que volveu demostrar a súa empatía e axuda para que este Nadal a maxia chegue a todos os nenos do municipio”


A concelleira de Benestar e Igualdade de Poio, Natividad Torres, fai unha valoración “moi positiva” da campaña solidaria “Ningunha crianza sen xoguete”, que grazas á colaboración cidadá vai permitir repartir este Nadal agasallos a preto de 50 familias do municipio.

“A veciñanza de Poio volveu demostrar a súa empatía e axuda para que nestas datas tan especiais a maxia chegue a todas as crianzas do noso concello”, subliña. Así, durante o tempo que durou a campaña recolléronse entre o Pazo Besada e a Casa Rosada xoguetes de todo tipo e para todas as idades, desde xogos de mesa, ata bonecas, puzzles, vehículos, construcións, peluches… que, segundo calculan, son suficientes para repartir entre máis de 80 nenas e nenos, un xesto qeu permitirá que poidan pasar o Nadal cun sorriso”.



Unha vez recollidas todas as doazóns, estes días persoal municipal e coa colaboración da veciña Silvia Ramírez xa están preparando todas as doazóns para repartir entre as familias nos días previos ao Nadal. Neste senso, a concelleira destaca que “ademais da xenerosidade de tantas persoas, tamén é importante destacar que doaron xoguetes practicamente novos, limpos e en bo estado para dárlles unha segunda vida e facer felices a moitos nenos e nenas”.

A campaña solidaria “Ningunha crianza sen xoguete” impulsada polo Concello de Poio quere garantir que ningún neno ou nena perda a ilusión polas festas de Nadal, sexa cal sexa a situación ou as dificultades que haxa nos seus fogares.

Está pasando!