Presentación da XII Carreira Pedestre San Brais 2024 | © Concello de Pontevedra

A parroquia pontevedresa de Salcedo volverá correr un ano máis como inicio das festas de San Brais

19 Xaneiro 2024

A edil de Deportes do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, presentou esta mañá a carreira pedestre de San Brais 2024, que se celebrará o vindeiro domingo, 28 de xaneiro, chegando á súa XII Edición.

«Trátase dunha cita popular cunha longa tradición no circuíto de carreiras de Pontevedra, unha das carreiras máis agradábeis de facer pola contorna na que se desenvolve», explicou a concelleira. «Aparte de ser o acto de apertura das Festas de San Brais, tamén pon en valor a beleza da parroquia de Salcedo, con moitísimos recunchos por coñecer entre natureza e patrimonio; e, ademais, realiza un traballo de visibilización do traballo da Asociación Veciñal Salcedo Norte».



Neste intre, a proba conta cun total de 200 inscritos en todas as súas categorías, mais a organización do evento agarda chegar até as cifras do ano pasado, que sumaron case 350 participantes.

O percorrido será o mesmo que o do ano anterior, o que inclúe un trazado mixto con tramos de terra e asfalto, con saída e chegada no Centro Comercial Carrefour desta parroquia. As probas comezarán ás 11.15 horas coa categoría Chupete, sucedéndose por orde de idade as saídas. A saída para sénior e veteranos queda programada para as 12.30 horas, cun percorrido de 6,6 quilómetros.

Desde a organización lembran que é unha proba moi interesante para testear o estado de forma dos atletas federados, que encaran con enerxía e cabeza as vindeiras carreiras galegas da tempada 2024 que está por iniciarse.

É posíbel inscribirse até este domingo 21 de xaneiro, ás 23:59 horas, a través desta mesma ligazón.

Está pasando!