A Ponte do Burgo acolle este sábado unha actividade guiada para observar a eclipse de Sol que ocultará un terzo da estrela

27 Marzo 2025

Serán repartidas un total de 2.000 gafas especiais para poder ollar o fenómeno astronómico con seguridade da man do Concello de Pontevedra e a asociación Sirio


Este sábado, 29 de marzo, Galicia será un lugar privilexiado para observar a eclipse parcial de Sol que acontecerá ao longo da mañá.

En Pontevedra, o Concello e a Asociación Astronómica Sirio irán da man para que veciñanza poida gozar deste fenómeno do xeito máis seguro e educacional posíbel.

A Ponte do Burgo acollerá unha actividade de observación para ver como a lúa se interpón entre o astro e a terra, provocando un escurecemento que ao longo dos milenios fascinou á humanidade. Non será baladí, xa que será unha eclipse que agochará até un 30,6% do Sol.



A partir das 10.00h, no nomeado espazo, serán repartidas un total de 2.000 gafas especiais para poder ollar este fenómeno con total seguridade e sen risco para os ollos.

Cómpre lembrar que hai que evitar usar vidros afumados, radiografías ou gafas de sol convencionais, pois non protexen os ollos á hora de gozar da eclipse con tranquilidade.

Outros consellos:

  • Non mirar directamente o Sol.
  • Non mirar directamente o Sol a través de lentes, prismáticos, telescopios… sen o filtro axeitado.
  • Non mirar directamente o Sol a través do visor das cámaras fotográficas.
  • As lentes de eclipse teñen unha validez de tres anos e deber ser gardadas protexidas nun lugar escuro.


Cómpre lembrar que ao longo dos vindeiros anos, Galicia terá unha sorte especial á hora de seguir observando este tipo de fenómenos.

En agosto do 2026, viviremos unha incríbel eclipse que agochará máis do 99% do sol, para logo vivir, nos anos 2027 e 2028, eclipses solares con máis do 70%.

Está pasando!