A Sede de Vigo da Deputación acolle a mostra ‘La frágil piel del mundo”, da deseñadora Sara Coleman

22 Setembro 2023

‘La frágil piel del mundo’ toma o seu nome do texto homónimo de Jean Luc-Nancy (publicado no ano 2020), no que, tendo en conta a fraxilidade do presente, o filósofo reflexiona sobre as relacións que mantemos co mundo desde o común e o interrelacional a través da pel, ao mesmo tempo que nos advirte sobre a necesidade de recuperar o sentido do mundo que a humanidade perdeu e nos anima a recobrar o presente. Xa que é no presente onde coexisten as presenzas, é o presente o lugar da proximidade; proximidade co que nos rodea, cos outros e connosco, onde a pel se sitúa como a nosa última interface. Así, como sinala Nancy, “a pel é precisamente aquilo por onde comeza e acaba unha presenza no mundo e en si: non soamente a súa vida, senón a súa sensibilidade, a súa actividade e a súa pasividade, a súa expresividade e a súa significación”.

Baixo esta perspectiva, Sara Coleman mergúllanos nun espazo epidérmico de grande organicidade e elasticidade, onde o humano e o animal, o natural e o artificial conviven e se entrelazan entre si para propoñernos unha reflexión material sobre a transformación da sensibilidade que estamos a experimentar na actualidade. Unha transformación onde a pel, como lugar do límite e do encontro, é dicir, como interface sensorial que fai circular enerxías, desexos, afectos, pulsacións e respiracións, ao mesmo tempo que memorias, feridas e cicatrices, se sitúa simultaneamente como lugar de tránsito e como lugar do sentido: “é a resonancia potente e fráxil de todo o que suscita unha forma ou unha tonalidade de existencia” (Nancy).

Así pois, a través da háptica interrelacional da pel e, de maneira específica, a través do material do feltro, o proxecto pon en relación o natural e o cultural, o individual e o social para establecer unha crítica ao noso antropocentrismo occidental e á nosa maneira extractivista de entender o mundo. Por iso é polo que a decisión de empregar materiais naturais e procesos sostibles e artesanais para o desenvolvemento das obras funciona como unha metáfora e como unha forma de posicionamento e compromiso na maneira en que esta artista se relaciona co que fai; así, trata de transmitirnos como as nosas formas de producir e de facer afectan o ecosistema no que vivimos. Polo que, a través deste proxecto, se pon de manifesto que o compromiso de Coleman é tan ético coma estético.

Visitable do 20 de setembro ao 10 de novembro, na Sala Maruja Mallo, Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo.



Sara Coleman

Sara Coleman é artista, deseñadora e investigadora. Doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo ―con estancias na Academia de Belas Artes de Viena e na Cidade Internacional Universitaria de París―, tamén cursou estudos en deseño de moda e patronaxe, coma Técnico Superior en Artes Plásticas en Estilismo de Indumentaria e Técnico Patronista Escalador, e un máster en Xestión de Moda. Ademais, realizou outros cursos de posgrao, coma Experto Universitario en Formación, Cultura e Xestión de Moda na Universidade Nacional de Educación a Distancia, e Ilustración Experimental na Central Saint Martins de Londres.

Entre os seus premios e mencións artísticas destacan: o primeiro premio ArtsFAD 2017, o Premio Julián Trincado (15.ª Bienal Mostra MAC), un accésit no I Premio Téxtil de Arte Contemporánea 2022 (Instituto de Cultura Alacantino Juan Gil-Albert) e o nomeamento ao Premio de Adquisición Universidade Nebrija á Creación Artística 2019. Así mesmo, foi seleccionada como artista residente no Colexio de España en París a través da bolsa FormARTE 2018 de Artes Plásticas (Ministerio de Cultura e Deporte de España) e nas Residencias Artísticas MAC 2017 (Museo de Arte Contemporánea Naturgy).

Desde o ano 2013 participa de maneira habitual en exposicións individuais e colectivas, e expuxo o seu traballo en diferentes espazos, coma a Valentiny Foundation de Luxemburgo, o Museo do Deseño de Barcelona, o Museo Nacional de Artes Decorativas de Madrid, o Museo de Arte Contemporánea Naturgy, a Fundación RAC de Pontevedra, o CentroCentro_Cibeles de Madrid ou o Centro de Arte Tecla Sala de Barcelona, entre moitos outros.

Como docente, foi profesora no Grao de Belas Artes da Universidade de Vigo, nos Estudos Superiores en Deseño de Moda e Téxtil de Galicia (ESDEMGA), en LCI_FD Escola Superior de Deseño de Moda e na Escola de Arte Superior de Deseño de Gran Canaria. Así mesmo, impartiu seminarios e obradoiros en colaboración con diversas escolas e institucións coma a Escola Universitaria de Deseño Industrial, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Mapfre, Fundesarte, a Escola de Organización Industrial Mediterráneo, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, o centro de artesanía e deseño CENTRAD ou a Cidade da Cultura de Galicia.

A súa práctica artística desenvólvese a través da escultura, da instalación e dos procedementos performáticos mediante unha metodoloxía morfoxenética, na que destaca o uso de materiais téxtiles e brandos.

A súa obra artística afonda nas interconexións que se dan entre corpo e espazo a través do tecido como interface e explora os téxtiles desde a súa materialidade e multiplicidade.

Está pasando!