I Residencia FICBUEU | © Estudio Prolight

Abre a convocatoria de participación na segunda edición da Residencia FICBUEU

15 Abril 2024

O Festival Internacional de Cinema de Bueu vén de anunciar a apertura da convocatoria para a segunda edición da Residencia FICBUEU, o seu programa de desenvolvemento de proxectos de guión de curtametraxe que terá lugar novamente este outono na Illa de Ons.

En outubro de 2023 o certame bueuense estreou o seu novo proxecto para a promoción do formato curtametraxe, a Residencia FICBUEU. Logo de ter recibido un total de 122 propostas, catro delas foron seleccionadas para ser titorizadas pola guionista Isabel Peña e outras profesionais do audiovisual como Carmen Ávalos, Elena Neira ou Cormorán VFX. Alén de participar nunha semana enteira dedicada ao estudo e mellora dos seus guións, as e os residentes optaban ao premio á produción que outorgou a organización e que finalmente recaeu en “Sismes” de Jordi Sanz Angrill.


I Residencia FICBUEU | © Estudio Prolight

Pechada esta primeira edición, o FICBUEU aposta pola consolidación deste proxecto que se suma á xa ampla lista de actividades e iniciativas relacionadas co cinema que o equipo leva a cabo durante todo o ano.

A II Residencia FICBUEU terá lugar na Illa de Ons do 16 ao 23 de outubro e contará novamente coa titorización por parte de recoñecidas profesionais do cinema cuxos nomes serán anunciados nos vinderos meses a través das canles do festival. “Arrincar este proxecto con Isabel Peña foi un auténtico luxo e aínda que é complicado a nosa idea é manter o nivel das e dos profesionais participantes, ofrecendo unha oportunidade única para as e os residentes” comenta a organización.

A metodoloxía do programa contempla diferentes tipos de encontros para o traballo nos guións (titorías individuais e colectivas), así como formacións específicas noutros aspectos a ter en conta á hora de fortalecer os proxectos audiovisuais. Ademais, durante toda a semana serán levadas a cabo varias reunións de produción grazas ás que a organización poderá coñecer o avance e estado das proposta e escoller a premiada desta edición.



Desde a dirección do FICBUEU, convidan a escoitar as entrevistas a residentes do ano pasado dispoñibles nas súas redes socias para coñecer as súas opinións e destacan que “Aínda coa moi boa experiencia que vivimos na estrea da residencia, nesta segunda edición tentamos mellorar o programa grazas ás suxestións das e dos residentes de xeito que os horarios de traballo estarán máis optimizados”.

Os requisitos para a participación poden consultarse en ficbueu.com e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 15 de maio. Será o equipo do FICBUEU xunto coa persoa encargada da titorización quen seleccione os catro proxectos finalistas.

Está pasando!