Abre a recepción de propostas para Noites Abertas, que cumpre un cuarto de século con actividades de todo tipo para a mocidade pontevedresa

29 Setembro 2023

  • O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, anima a toda a mocidade pontevedresa a participar nesta edición tan especial, edición que xa conta, como novidade, cunha comisión de festas como «boa festa galega que será»
  • A través da páxina web oficial do Concello xa é posíbel participar na convocatoria de propostas de actividades para o programa, que se desenvolverá entre o 26 de xaneiro e o 23 de marzo

O edil de Xuventude do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, informou hoxe da apertura do prazo de recepción de propostas para a que será a vixésimo quinta edición de Noites Abertas, o máis que coñecido ciclo de actividades de todo tipo para a mocidade pontevedresa.

«Aínda que levamos xa uns meses traballando na nova edición, podemos dicir que desde hoxe está dispoñíbel o formulario para a presentación de actividades a desenvolver en Noites Abertas», sinalou o edil. O nomeado documento está dispoñíbel para a súa descarga, lectura e escritura na páxina oficial do Concello de Pontevedra.

Gómez adiantou que as actividades se desenvolverán nos espazos habituais entre os meses de xaneiro e marzo (máis concretamente, entre o 26 de xaneiro e o 23 de marzo). Botando contas, serán un total de 14 xornadas «intensísimas» e nas que se lle pedirá a mocidade pontevedresa que faga un esforzo especial, durante esta edición, á hora de implicarse nesa celebración entrañábel que é comprobar como un programa chega ao seu 25 aniversario, que fai xa un cuarto de século como parte da cidade.

«Queremos darlle unha voltiña a Noites, coma sempre fixemos, tratando de mellorar no posíbel e facendo que cada ano sexa mellor», explicou o concelleiro. «Así, xa podemos falar hoxe da primeira das novidades, que non será outra que contar cunha comisión de festas, tal e coma galegos e galegas que somos. Está formada por quince persoas, quince nomes moi implicados con Noites Abertas como usuarios, como monitores, como deseñadores, preparadores… Xente que coñece o programa desde hai moitísimo tempo».

O prazo de presentación de propostas é do 29 de setembro ao 20 de outubro de 2023.

Está pasando!