Área Arqueolóxica de Tourón

17 Xullo 2020

Situada en pleno corazón do concello de Ponte Caldelas a Área Arqueolóxica de Tourón atesoura un dos complexos de arte rupestre ao aire libre máis singulares do territorio galego.

AS ESTACIÓNS VISITABLES

O Outeiro da Forcadela, o Couto das Sombriñas, a Laxe das Cruces, o Outeiro de Siribela e Nabal de Martiño son as estacións rupestres a través de cuxo percorrido ofrecen a posibilidade de contemplar un conxunto de gravados caracterizados pola grande orixinalidade das figuras representadas.

Cazoletas, combinacións circulares ou motivos zoomorfos coma o gran cervo macho con baleirado interior de Nabal de Martiño, son só unha mostra da variedade de deseño e calidade de execución que atesoura este xacemento.

Dende o punto de vista compositivo, podemos diferenciar a existencia de petróglifos sinxelos, como os círculos concéntricos con cazoletas interiores do Outeiro da Forcadela e doutros extraordinariamente complexos, como o gran panel de Laxe das Cruces, que contén un numeroso e heteroxéneo conxunto de motivos xeométricos e naturalistas, ou a grande escena de caza gravada en Nabal de Martiño.

Un enorme xacemento arqueolóxico con máis de 150.000 metros cadrados de extensión ofrece a posibilidade de visitar cinco estacións rupestres con gravados, ademais doutros fitos culturais sinalizados ao longo do percorrido.

O POBOADO

Recentes traballos levados a cabo na Área Arqueolóxica de Tourón permitiron documentar evidencias da existencia dun posible poboado da Idade do Bronce. Posiblemente, os grupos humanos que ocuparon este lugar entre o III e II milenio a. C. viviron en poboados con cabanas circulares, realizadas con materiais vexetais e, ás veces, protexidas por unha estacada de madeira.
Unha exposición permanente ubicada no interior do Centro Arqueolóxico ilustra de maneira clara unha paisaxe cultural na que os petróglifos son parte fundamental da mesma, presentando dunha maneira sinxela a vida cotiá das sociedades creadoras destes gravados.

O ESTUDO DO XACEMENTO

Estes gravados son coñecidos e valorados dende fai décadas. As primeiras novas sobre a existencia de petróglifos nesta zona de Ponte Caldelas débense a Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, quen descubriu o Couto das Sombriñas en 1951. Xacemento que rematou de estudar ao ano seguinte, xunto co cercano Outeiro da Siribela. En 1979 Luis Monteagudo presentou ilustracións con figuras dos petróglifos do Couto das Sombriñas e o Outeiro de Siribela; ademais menciona por primeira vez o conxunto de Nabal do Martiño. Un ano despois publícase o, xa convertido nun clásico, repertorio dos petróglifos pontevedreses (é o título dunha obra ou é un repertorio con outro título?) elaborado por Alfredo García Alén e Antonio de la Peña. Os traballos de prospección que María Elena Jiménez López levou a cabo entre 1987 e 1988, sacaron á luz novos gravados no Cotiño e no Recosto.

A comezos dos 90, Manuel Santos Estévez catalogou os complexos rupestres de Costa da Veiguiña e de Carballo Grande. Finalmente, o antropólogo Buenaventura Aparicio Casado e o arqueólogo Antonio de la Peña Santos, localizaron e catalogaron trinta novos petróglifos, dos que a maioría están fora da área arqueolóxica recentemente inaugurada polo Concello. Curiosamente foron os devastadores incendios de 2006 os que permitiron o descubrimento.

Coa finalidade de revalorizar os petróglifos de Tourón, o proxecto museolóxico levou a cabo o  acondicionamento da zona para o acceso e visita pública. Ademais, pretende ilustrar o sentido destes xacementos coa pretensión de que sexan comprendidos polo público visitante.

O acceso á área arqueolóxica é libre e gratuíto todos os días do ano xa que se pode percorrer libremente como ruta de sendeirismo. O Centro Arqueolóxico atende ás visitas concertadas previamente chamando aos teléfonos 986 090 300/986 767 235 ou no email centroarqueoloxicotouron@pontecaldelas.org .


 

 

Está pasando!