Mercado Municipal de Pontevedra | © Atlantis Comunicación

‘Conversas do primeiro andar’, o programa municipal que xunta música, libros e viño no Mercado de Pontevedra

17 Outubro 2024

  • A concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, Anabel Gulías, subliña que «actividades dinamizadoras como este ciclo, aportan valor engadido a un equipamento que está no corazón da zona monumental»
  • Esta programación lúdico-cultural é de acceso libre e gratuíto e comeza o sábado 19 cunha conversa sobre viños naturais con Adrián Guerra e un concerto de Bernard Taylor e Rofer de Flor

Música, libros e viño tecen os vimbios do ciclo ‘Conversas do primeiro andar’, a nova iniciativa para dinamizar o gastro-espazo de O Mercado presentada pola concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, xunto co responsable da programación, o produtor musical Marcos Rivas.

«Traballamos con actividades dinamizadoras que aporten valor engadido a un equipamento que temos no corazón da zona monumental como esta proposta de ‘Conversas no primeiro andar’», explicou a concelleira. Para, de seguido, subliñar que son actividades «que teñen como fío condutor recordar que estamos nun mercado, un punto de venta de produto fresco e de calidade».

«Quero felicitar a Marcos por unir literatura, música e viño, penso que dá na diana», destacou a responsable de Promoción Económica do Concello de Pontevedra.

A filosofía que guía o plan municipal de dinamización do primeiro andar do mercado «é facer deste equipamento máis cun recipiente cultural, convertelo nun espazo de conversa e proximidade», lembrou Gulías.



O ciclo comeza o vindeiro sábado 19 de outubro e rematará o 23 de novembro. En total seis citas nas que haberá moita música, moitos libros e tempo para coñecer, catar e gozar de bos viños da terra. Unha programación lúdico-cultural «de acceso libre e gratuíto».

Marcos Rivas, coñecido pola súa traxectoria como produtor musical, indicou que enfronta con ilusión «esta nova faceta da miña vida: a de combinar libros e viños» co obxectivo de que «teña continuidade».

Unha conversa sobre Viños naturais con Adrián Guerra e un concerto de Bernard Taylor e Roger de Flor, a partir das 20.00 horas do vindeiro sábado, levantará o pano da programación.

Está pasando!