‘Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo’ | © Museo de Pontevedra

Exposición 'Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo' en Pontevedra

ven12abrConsultardom09xuñExposición 'Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo' en PontevedraMUSEO DE PONTEVEDRA(Consultar) Edificio Castelao. Museo de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

Este proxecto expositivo, concibido especificamente para o Museo de Pontevedra, aborda unha perspectiva inédita ou pouco explorada ata hoxe: a importancia do arquivo de Berta Cáccamo, entendido desde unha visión complexa e expandida, e as súas conexións directas coa súa pintura e coa súa obra en papel.

Logo do seu falecemento en 2018 constituíuse o Legado Berta Cáccamo, co obxectivo de manter viva a súa memoria e de difundir a súa obra. En paralelo á organización de diferentes exposicións, á publicación de libros sobre o seu traballo e a inserción das súas obras en importantes institucións españolas, o Legado catalogou e ordenou a súa obra e o seu arquivo.

A próxima doazón da parte documental do Legado ao Museo de Pontevedra constitúe unha oportunidade única para mostrar as conexións entre os diferentes rexistros presentes no arquivo (cadernos, axendas, diarios, libros de artista, correspondencia, fotografías e obxectos, entre outros) e a súa obra pictórica.

Berta Cáccamo escribiu e debuxou nun extenso número de cadernos ata o punto de que se podería reconstruír o seu pensamento artístico e vital lendo as súas notas e reflexións, e observando os seus bosquexos, debuxos e diagramas.

Tamén é autora dunha serie de textos breves que aparecen con frecuencia en papeis soltos e outras axendas. Esta pulsión case táctil de escrita reflexiva trasladouna a pequenos obxectos ou composicións, precarios no que se refire á procedencia dos materiais e ao seu sutil proceso de manipulación, pero enormemente importantes para comprender a súa ollada sobre o mundo e as cousas.


‘Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo’ | © Museo de Pontevedra

Esta “poética da mirada” percíbese en todo o arquivo e os seus diferentes rexistros e nas coleccións de fotografías e diapositivas. A súa ollada detense incansabelmente nas formas e escenarios da natureza e da arquitectura, nos obxectos e estruturas etnográficas, na artesanía ou simplemente nas pegadas e rastros instantáneos e irrepetibles que se nos aparecen coma iluminacións fuxidías.

A partir da referida vía íntima e experiencial, e tamén por medio do estudo constante sobre as transformacións da pintura ao longo do século XX, Berta Cáccamo creou un corpus de traballo extraordinariamente singular e diferenciado.

Esta exposición supón unha visión retrospectiva do seu extenso traballo e fai fincapé nalgunhas etapas pouco exploradas, coma a pintura que realizou na segunda metade dos anos oitenta en Barcelona e Galicia, xusto antes de trasladarse a París e de establecer a linguaxe pictórica esencial e madura pola que é máis coñecida.

Cómpre contemplar esta exposición non só coa distancia que adoita esixir a pintura, senón tamén coa ollada próxima de quen estuda e analiza os materiais organizados nas quince mesas que enchen os espazos centrais das dúas salas do museo. Nelas toparemos os diversos materiais configuradores do seu pensamento estético e vital que nos permitirán establecer as nosas propias correspondencias e relatos.

A exposición ‘Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo’ estará aberta no Edificio Castelao ata o 9 de xuño, no seguinte horario:

  • De martes a sábados: de 10:00 a 21:00 horas
  • Domingos e festivos: de 11:00 a 14:00 horas
  • Pechado os luns



Recital e seminario

A exposición complétase cunha programación paralela con dous fitos importantes en maio e xuño. O 3 de maio, Xosé María Álvarez Cáccamo realizará unha lectura pública do seu poema Berta, unha composición longa que en 2019 publicou a editorial Chan da Pólvora e que será presentada e comentada polo comisario, Juan de Nieves.

Xa o 7 de xuño, o Museo reunirá ás e aos directores e xefes de coleccións dalgúns dos principais centros de arte en España nun seminario para reflexionar sobre o papel dos arquivos de artistas como ferramentas de investigacións nos museos. Aquí estarán, entre outros, Manuel Segade, director do Reina Sofía; Beatriz Herráez, directora de Artium; Javier Hontoria; director de Museo Patio Herreriano; e Eduard Vallès, xefe de coleccións do Museu Nacional d’Art de Catalunya.

Hora

Abril 12 (Venres) - Xuño 9 (Domingo)

Localización

Edificio Castelao. Museo de Pontevedra

Rúa Padre Amoedo Carballo, 3. 36002 Pontevedra

Está pasando!