I Andaina ‘Mente en Marcha’ en Moaña

dom13set10:00I Andaina ‘Mente en Marcha’ en MoañaUnha andaina pola saúde mental10:00 Palco da Música de Moaña - Moaña

Detalles do Evento

O Concello de Moaña acollerá o vindeiro domingo 13 de setembro de 2026, ás 10:00 horas, a I Andaina ‘Mente en Marcha’, unha iniciativa que nace co obxectivo de promover a saúde mental, combater o estigma e fomentar a participación e a inclusión social a través dunha actividade aberta á cidadanía.

Este evento dará o pistoletazo de saída ó mes da saúde mental que irá dende o 10 de setembro (día mundial da prevención do suicidio) ao 10 de outubro (día mundial da saúde mental).

A andaina terá a súa saída no palco da Música de Moaña e percorrerá aproximadamente 6,5 quilómetros, nun percorrido pensado para poder desfrutar da actividade de maneira tranquila e compartida. A proposta pretende converter o exercicio físico e o encontro entre persoas nunha oportunidade para falar de saúde mental con naturalidade e lembrar a importancia de coidarnos, tanto física como emocionalmente.

A iniciativa está organizada por DOA Saúde Mental, en colaboración co Concello de Moaña, e busca implicar a toda a comunidade, facendo da andaina un espazo de encontro entre persoas con e sen problemas de saúde mental.

Ademais do propio percorrido, a xornada contará con diferentes elementos destinados a facer da actividade unha experiencia participativa e festiva, favorecendo a convivencia e a sensibilización arredor da saúde mental. Así pois, haberá sorteos de productos e experiencias, música en directo e avituallamento.

Desde a organización animan á veciñanza de Moaña e de toda a contorna a participar nesta primeira edición e a sumarse a unha actividade que pretende transmitir unha mensaxe sinxela: a saúde mental é cousa de todas e todos, e falar dela tamén é unha forma de coidarnos.

Hora

(Domingo) 10:00

Localización

Palco da Música de Moaña

Avda. de Concepción Arenal, Paseo Marítimo de Moaña

Está pasando!