Presentación da Gladiator Race Pontevedra 2026 | Concello de Pontevedra

Máis de 2.500 corredores participarán na Gladiator Race Pontevedra 2026, que esgota dorsais dous meses antes do evento

3 Xuño 2026

A cidade de Pontevedra acollerá esta fin de semana unha nova edición da Gladiator Race, unha proba que chegou no ano 2015 e que xa se converteu nunha cita indiscutible e asentadísima no calendario deportivo do municipio. A presentación do evento estivo encabezada pola concelleira de Deportes, Anabel Gulías, e polo director da proba da empresa organizadora NOKAO, Serafín Martínez.

Durante a súa intervención, a edil puxo en valor o “luxazo” que supón poder celebrar un evento destas características nun emprazamento natural como a Illa do Covo, un escenario pegado á cidade e óptimo para albergar competicións. A concelleira explicou que os deportistas terán que enfrontarse a un duro percorrido de 8 quilómetros composto por 40 obstáculos, destacando tamén o carácter familiar e apto “para todas e para todos” desta competición.

Pola súa banda, Martínez confirmou o éxito absoluto de participación nesta edición, logrando un fito histórico ao pechar as inscricións a mediados de marzo, dous meses antes do habitual. A proba contará con máis de 2.000 persoas inscritas na categoría de adultos e preto de 500 crianzas na modalidade infantil, quedando ademais unhas 500 persoas en lista de agarda ao ser imposible ampliar as horas da xornada para dar cabida a máis participantes.

Entre as novidades que se atoparán os corredores este ano, o director destacou a estrea do “Mont Blanc”, unha esixente rampla na que a organización leva traballando o último ano. Tras a competición de adultos do sábado, o domingo será a quenda da proba infantil, a cal Martínez cualificou como unha das mellores do ano, cun circuíto de 1 quilómetro onde os 500 rapaces participarán acompañados de seus pais.

O director da Gladiator Race tamén quixo salientar a maxia da Illa das Esculturas, definíndoa como un entorno único en Galicia e en España para este tipo de competicións, xa que o seu deseño é ideal para que o público poida concentrarse e gozar de moitísimos obstáculos nun radio de apenas un quilómetro.

Finalmente, a organización quixo agradecer publicamente a aposta do Concello de Pontevedra por manter vivo este evento, así como a fundamental colaboración público-privada que fai realidade a proba, facendo unha mención especial a patrocinadores habituais como Informática Landín, Toyota e Gadis.

Está pasando!