Mañá comeza SonRías Baixas 2021, seis noites de directos enérxicos, divertidos e contundentes no corazón das Rías Baixas

2 Agosto 2021

Sés e TéCanela abren este martes 3 de agosto o ciclo de concertos, que se desenvolverá en Bueu até o domingo 8 de agosto e que inclúe a única cita do rapeiro Kase.O deste verán en Galicia

La Pegatina, Travis Birds, La M.O.D.A., Muerdo, Ciudad Jara, Sabela, SonDaRúa, Iseo & Dodosound e Tu Otra Bonita completan un cartel conformado por figuras recoñecidas ou consolidadas do panorama musical galego e estatal

A conselleira de Medio Ambiente e o alcalde de Bueu visitaron esta mañá os traballos de montaxe no Recinto Multiusos da Estacada, sede habitual do festival


MicroSonRías2020 | © Óscar Corral

Mañá comeza unha nova edición do SonRías Baixas, unha das citas musicais imprescindibles do verán en Galicia e que, ao longo de seis noites, encherá de enerxía, diversión e contundencia o Recinto Multiusos da Estacada de Bueu (Pontevedra). Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Sabela, ISEO & Dodosound, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa conforman o cartel deste 2021, no que o festival se adapta ao contexto sociosanitario e se transforma nun ciclo de concertos, con dous directos por xornada ateigados do espírito SonRías.

A península do Morrazo acollerá, do 3 ao 8 de agosto, seis sesións nocturnas de música ao vivo, e que inclúe a única cita de gran formato deste verán no territorio galego do mítico MC Kase.O, quen celebrará o décimo aniversario do seu proxecto Jazz Magnetism; pero tamén de figuras como Travis Birds ou Muerdo, da banda Tu Otra Bonita ou mesmo da troupe catalá La Pegatina. O ciclo tamén será o escenario da estrea en Galicia de Ciudad Jara, o novo proxecto musical liderado por Pablo Sánchez (cantante e compositor de La Raíz).


Sés e TéCanela | © SonRías Baixas

SonRías Baixas 2021 comezará este martes e contará co protagonismo da cantareira Sés e do dúo TéCanela, que abrirán unha programación musical rebordante de dinamismo e vitalidade. Contra ás 21.00 horas, o dúo conformado por Ariadna Rubio e Jano Fernández amosará sobre o Escenario Xacobeo 21-22 o optimismo, ironía e crítica social tan presentes da súa obra. Unha carta de presentación, acompañada dunha singular mestura de ritmos, coa que darán conta da súa posición no marco da nova canción de autor/a. De seguido, sobre as 22.30 horas, será a quenda de Sés, quen presentará en Bueu o seu último traballo, Liberar as arterias, un disco crú e directo no que a cantareira advirte da carraxe e da necesidade de afrontar, con valentía, as inxustizas. A loita e a reacción fían un relato no que a compositora rende homenaxe á poeta Luz Fandiño.

Aínda quedan entradas dispoñibles para gozar da sesión inaugural de mañá, ao igual que para as xornadas do mércores 4 (Ciudad Jara e Tu Otra Bonita) e do xoves 5 (Travis Birds e Iseo & Dodosound). Pola contra, as entradas para os directos de La M.O.D.A e Sabela (venres 6) e de Kase.O e SonDaRúa (sábado 7) xa están esgotadas desde hai días. Con todo, as e os entusiastas da música ao vivo do Morrazo terán o domingo 8 unha bóla extra: aínda quedan entradas dispoñibles para gozar dos novos espectáculos de dous vellos coñecidos do festival, Muerdo e La Pegatina. Precisamente esta última é unha das bandas máis queridas polo público do SonRías, ademais dun dos grandes reclamos desta edición.

Protocolo covid-19

O ciclo, que cumpre en todo momento a normativa sociosanitaria vixente en Galicia, conta cun protocolo covid-19 propio coordinado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), o  que garante a seguridade do público durante a súa celebración.

O Recinto Multiusos da Estacada de Bueu estará dividido en sectores, con equipamentos independentes en cada zona, e con circuítos de percorridos sinalizados para facilitar o tránsito e garantir as distancias de seguridade. O recinto contará con tres zonas diferenciadas, en función do prezo da entradas (29, 26 ou 23 euros, segundo a distancia co Escenario Xacobeo 21-22); e cada unha delas estará dividida, a súa vez, en sectores que contarán con servizos independentes (aseos, barra, zona de recarga da pulseira cashless e punto de merchandising). Estes espazos terán unha capacidade máxima de 500 persoas.

Os accesos ao recinto estarán regulados e debidamente indicados. Todas aquelas persoas que teñan entrada recibiron esta mañá, precisamente, un correo electrónico da organización do SonRías Baxias coas indicacións pertinentes sobre como acceder as súas localidades, horarios recomendados e outros consellos, información que tamén se pode consultar, desde esta fin de semana, no sitio web www.sonriasbaixas.info.

Todo o recinto contará con sinalización específica e o persoal da organización acompañará ao público desde a súa chegada até os seus respectivos sectores; momento no que ofrecerán a posibilidade de obter, gratuitamente, as pulseiras cashless, o único sistema de pago válido no interior do recinto; para evitar así novamente contactos innecesarios. O público poderá recargar o seu saldo desde os seus dispositivos móbiles ou mediante uns innovadores tótems distribuídos ao longo do recinto; ainda que en cada sector existirán tamén puntos de recarga das pulseiras.


© Rocío Cibes

Festival sostible

Precisamente esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Bueu, Félix Rodríguez, visitaron os traballos de montaxe do escenario Xacobeo 21-22 e do dispositivo ambiental do SonRías Baixas 2021 no Recinto Multiusos da Estacada, en Bueu, no marco da colaboración que establece a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a prol da sostibilidade dos eventos que forman parte do programa Fest Galicia. Durante o percorrido, Jordi Lauren e Berta Domínguez, directores do ciclo, presentaron as claves da proposta e salientaron o compromiso de SonRías co coidado da contorna e coa consecución dos ODS como parte do Pacto Cultura Sustentable, do que forman parte 27 festivais de cinema e música de Galicia.

O acto desta mañá tamén contou coa asistencia da Directora Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, do Delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e da coordinadora do Pacto de Cultura Sustentable, María Barqueiro.

Para máis información sobre o dispositivo protocolo covid-19, aprobado polo Sergas, cuestións vinculadas ao método de pago cashless ou calquera información puntual sobre horarios e accesos ao recinto de concertos, o público ten á súa disposición a páxina web oficial do festival, www.sonriasbaixas.info, con documentación actualizada, ademais do catálogo online https://linktr.ee/sonriasbaixas.

Está pasando!