Maneiro | © Pily Reñones Photographer

Maneiro pechará o 2 de marzo en Pontevedra a xira de presentación do seu cuarto álbum en solitario

20 Febreiro 2024

O músico, tamén vocalista de Heredeiros da Crus, actuará a partir das 20.00 horas e as entradas están dispoñibles a través da plataforma web Ataquilla.com


O cantante e compositor Javi Maneiro actuará o sábado 2 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra, nunha cita que suporá o peche da xira de inverno de presentación do seu cuarto álbum, ‘Un bonito despertar’. As entradas para o directo, que comezará ás 20.00 horas, están á venda na plataforma Ataquilla.com.

Maneiro visita nos meses de febreiro e marzo os teatros e as salas de concertos de Galicia para presentar o seu novo disco en solitario, no que asume tanto a autoría da música coma das letras. Logo do lanzamento de ‘Un bonito despertar’ en maio e da estrea ao vivo na Sala Capitol en xuño, o músico por fin leva o seu novo directo a un total de sete localidades do país grazas ao apoio da Xunta de Galicia.

A xira ‘Un bonito despertar’ chegará o sábado 2 de marzo ao Teatro Principal de Pontevedra tras visitar Boiro, Ourense, A Coruña, Lugo, Vigo e Ferrol. Sobre o escenario, o cantante acompañarase dunha banda conformada para a ocasión, con Manu Rey (batería), Pachi Cruz (baixo), Rubén Cores (guitarra), Fernando Calvo (Guitarra) e Iria Iglesias (teclados).



Biografía de Maneiro

Javi Maneiro é natural da Pobra do Caramiñal, mais reside en Ribeira desde hai 25 anos. Coñecido por ser vocalista de bandas como Heredeiros da Crus e Jabón Blue, no 2014 inicia a súa carreira en solitario, unha traxectoria que compaxinou co seu traballo nunha fábrica de conservas. No 2017 lanza o seu primeiro LP ‘Furtivos’ e, dous anos despois, o segundo, ‘Acaricia mis arrugas’. A capacidade de composición de Maneiro é sorprendente: tan só un ano despois, no 2020, publica un disco acústico en formato videoálbum, ‘Palabras de un desconocido’.

No 2021, para celebrar os seus 30 anos na música, comeza a traballar no que será o seu cuarto disco, ‘Un bonito despertar’; mais no medio da gravación do disco e da xira con Heredeiros, sufre un accidente cerebrovascular. Logo do seu lanzamento o pasado mes de maio, da presentación ao vivo na Sala Capitol de Santiago no mes de xuño e dunha coidada recuperación ao longo destes meses, Maneiro inicia en febreiro de 2024 unha xira de ateigada de vitalidade e entusiasmo polas salas de concertos e teatros de Galicia.

Xira de presentación ‘Un bonito despertar

03.02.2024 Boiro | A Pousada da Galiza Imaxinaria, 22.00 horas
04.02.2024 Ourense | Teatro Principal, 20.00 horas
17.02.2024 A Coruña | Playa Club, 22.30 horas
18.02.2024 Lugo | Sala Jagger, 19.00 horas
24.02.2024 Vigo | Master Club, 22.30 horas
25.02.2024 Ferrol | Centro Torrente Ballester, 19.00 horas
02.03.2024 Pontevedra | Teatro Principal, 20.00 horas

Está pasando!