Presentación dos Rechouchíos de maio e xuño | Concello de Moaña

Moaña presenta a nova programación dos Rechouchíos para os meses de maio e xuño

8 Maio 2025

O Concello de Moaña continúa co programa dos Rechouchíos para os meses de maio e xuño, con actividades de lecer en galego para público infantil e familiar que terán lugar do venres 9 de maio ao venres 13 de xullo.

Un programa de dinamización lectora e lingüística con teatro, narración oral, humor, monicreques, música en directo e xogos populares, que rematará co ‘Festichío’, un festival completiño de música para todas as idades e xogos populares para pasar unha tarde xogando, cantando e brincando en familia no arboredo da Xunqueira.

Nas actividades dos Rechouchíos utilízanse diferentes espazos públicos, pechados e ao aire libre, e percórrense todas as parroquias de Moaña.

O paxariño deseñado por Marc Taeger converteuse na mascota do programa e todas as actividades comezan co berro ideado por María Faltri, unha das colaboradoras do programa: ‘Chio, chio. rechouchío!’.

O programa comeza este venres 9 de maio no local da Comunidade de Montes A Tioura, na Paradela Alta, no que Vero Rilo e Luís Iglesias porán en escena o espeactáculo de narración oral e música ‘Pelica de Burra’.

O venres 16 a Fundación Legar amosará cantigas de berce co espectáculo ‘Arrolar’, no Centro Cultural Castroviejo de Tirán.

O programa continúa o 23 de maio con música, teatro e monicreques a cargo de A Xanela do Maxín coa obra ‘Dende Rosalía ata as Canteareiras’, no centro Rosalía de Castro de Domaio.

O venres 30 de maio, a sala Celso Parada do C.S. Daniel Castelao de Quintela acolle a obra de teatro ‘4 Monos’ de Tropa de Trapo.

O espectáculo de música e humor ‘Máis Saaabor!’, de Culturactiva e Félix Rodríguez chega ao parque de Samertolaméu, en Meira o 6 de xuño.

Os Festichíos rematarán a súa décima edición cun fin de festa no arboredo da Xunqueira o 13 de xuño, co obradoiro musical Percubebés para os máis pequenos, o concerto de Golfiños e xogos populares a cargo a Asociación Sociocultural Trebellos.

Está pasando!