Música no ar… Que comece o espectáculo!

15 Xullo 2020

Espazos únicos que recenden historias. Melodías de música clásica facéndonos sentir en espazos colectores de memoria. Camiños xacobeos onde a pedra vivida se torna escenario para a corda, o vento, a percusión e a voz, traendo consigo a excelencia para o desfrute de toda a cidadanía. A música como parte ineludible do noso patrimonio, da nosa identidade cultural. E a experiencia estética como a mellor pegada na nosa cartografía emocional.

“Música no ar” é un ciclo de música clásica que nos fará viaxar a novos mundos imaxinarios a través da interpretación en lugares únicos: mosteiros, pazos, castelos e conxuntos patrimoniais. A través de pequenos grupos instrumentais e na compañía máxica da voz, nalgún caso, a música de cámara sae dos auditorios para achegarse a todos os públicos, intervindo novos (vellos) espazos nun desafío para todos os sentidos. Magníficas e magníficos profesionais que conflúen nas grandes orquestras da nosa provincia tornaranse protagonistas neste ciclo que aposta polo acceso democrático á cultura, levando a excelencia a cada recuncho do noso territorio.

Sempre en espazos abertos, que garantan a seguridade sanitaria e a distancia social, ao tempo que nos permitan volver a estar preto da música para facernos sentir xuntas e xuntos. Unha firme aposta pola música clásica e por todas as persoas que na nosa provincia se dedican, con gran talento e virtuosismo, á renovación do xénero, mais este ciclo tamén supón unha posta en valor por espazos patrimoniais únicos, onde a cultura, a historia e a música farán de cada evento un momento inesquecible.

“Música no ar” percorrerá, mediante 12 concertos, espazos de todas as comarcas da provincia, alén de dous espazos propios: os máxicos castelos de Soutomaior e de Sobroso.

Nestes momentos, cruciais para a nosa cultura, este programa da Deputación de Pontevedra pretende ser un revulsivo e un apoio á nosa música clásica, ofrecéndolle ao público a oportunidade de vivila en directo, en espazos con memoria, ao tempo que poñemos en valor as rutas xacobeas que percorren a nosa provincia: o Camiño Portugués, o Camiño Portugués da Costa e o Camiño de Inverno.

Unha memoria viva que segue a construír cada día, con cada paso, con cada vivencia. E, así, esta “Música no ar” impregnará a pedra destes espazos de algo que configura a nosa identidade, a nosa comunidade: novas experiencias culturais. Porque se algo caracteriza a humanidade é a cultura, e cada unha das persoas que habitamos o mundo somos entidades portadoras de identidade cultural.

Música no ar…
Que comece o espectáculo!

……………

XULLO

Orquestra Clásica de Vigo, orquestra de corda
Castelo de Soutomaior
Martes 28, 19:30 h

Son Trío
ESTALEIRO (BUEU)
Xoves 30, 21.00 h

……………

AGOSTO

Orquestra 430 de Vigo, cuarteto de corda clásico
Praza do Reló (A Guarda)
Mércores 5, 20.00 h

Alejo Amoedo & Iria Cuevas
Pazo de Liñares (Lalín)
Xoves 6, 21.00 h

Orquestra Clásica de Vigo, quinteto de corda
Fábrica de Salga (O Grove)
Venres 7, 21.00 h

Orquestra Filharmónica de Pontevedra, quinteto de vento
Aserradeiro dos Carranos (Covelo)
Domingo 9, 20:00 h

Orquestra Filharmónica de Pontevedra, cuarteto de cordas e instrumentos de vento
Castelo de Sobroso, Mondariz
Martes 11, 19.30 h

Orquestra Filharmónica de Pontevedra, quinteto de metais
Mosteiro de Poio
Venres 14, 19.30 h

Orquestra Clásica de Vigo, sección de percusión
Carballeira (Caldas de Reis)
Domingo 16, 20.00 h

……………

SETEMBRO

Orquestra 430 de Vigo, cuarteto clásico de corda
Mosteiro de Aciveiro (Forcarei)
Sábado 12, 19.00 h

Orquestra 430 de Vigo, cuarteto clásico de corda
Xardíns do Arquivo Histórico e Biblioteca (Bainoa)
Venres 18, 19.00 h

Orquestra Clásica de Vigo, sección de percusión
Castelo Fortaleza Dona Urraca (Salvaterra de Miño)
Sábado 19, 19.00 h

Brais González & Beatriz Arenas
Mosteiro de Carboeiro (Silleda)
Domingo 20, 18.00 h.

Orquestra Filharmónica de Pontevedra, cuarteto de cordas e instrumentos de vento
Praza do Concello (Agolada)
Sábado 26, 18.00 h

……………

  • Todos os concertos teñen prazas limitadas, ata completar a capacidade máxima. Os concertos dos castelos de Soutomaior e Sobroso precisan de reserva previa en cultura@depo.es (máximo de 5 prazas por persoa). É necesaria confirmación.
  • O público participante debe asistir con máscara.
  • A Deputación de Pontevedra controlará a capacidade e os accesos, así como o cumprimento das medidas de seguridade sanitaria segundo os protocolos vixentes.
Está pasando!