O Casco Vello de Vigo volverá encherse de creatividade, música e ambiente festivo cunha nova edición do Verbena Market

1 Xuño 2026

O sábado 13 de xuño o Casco Vello Alto de Vigo énchese outra vez con artesanía, ilustración, cerámica, música, vermús que se alongan máis da conta e xente facendo cousas bonitas na quinta edición do Verbena Market.

De 12:00 a 20:30 horas haberá postos, actividades, concertos improvisados entre conversa e conversa e moitas escusas para quedar un pouco máis.

PROGRAMA DO 5º VERBENA MARKET

  • 12:30h. ‘Pallaso Total’, de Duende Circo na Asociación Évame Oroza.
  • 13:30 a 15:30h. Sesión Vermú con Paul Clarke en directo. Porque todo plan mellora cunha boa banda sonora.
  • 17:00h. Obradoiro de Punch Needle en tote con Estefanía Carrera na Asociación Évame Oroza. Inclúe material. Prazas limitadas.
  • 18:00h. Tardeo con Camino DJ. Para rematar o día como se merece.

E entre medias… postos para perderse, pezas feitas a man, reencontros inesperados, algo rico que levar á boca e probablemente máis dun “veño un momento” que acabe converténdose en toda a tarde.

Está pasando!