‘Ás 9 na praia’ regresa ao areal da Concha con voz de muller do 1 ao 14 de xullo

30 Xuño 2021

Como xa aconteceu na edición anterior, o ciclo ‘Ás 9 na praia’ comezará collendo o relevo do Festival Internacional de Música Clásica de Vilagarcía, cun concerto en colaboración co Clasclás.

Será o que ofreza Uxía mañá, 1 de xullo, no areal da Concha e no que a cantante galega interpretará cancións populares e outras da súa autoría, así como temas da música galega antiga. Uxía contará co acompañamento á guitarra e viola do músico Serxio Tannus.

O de Uxía será o primeiro dos concertos deste ano, ao que lle seguirán os de Zeltia e Irevire o sábado 3, Silvia Penide o luns 5, Cora Velasco o mércores 7, Carolina Rubirosa o venres 9, MJ Pérez o domingo 11 e Pauliña o martes 13.

As xornadas de concertos alternaranse con sesións de seleccións musicais ou ‘pinchadas’ a cargo de Fran Chuco o venres 2, Pablo Galbán o domingo 4, Celso Callón o martes 6, Xoanqui Ameixeiras o xoves 8, Nico o sábado 10 e Estela o mércores 14 de xullo.

Un ambiente acolledor, acotado e iluminado con farois, con veladores para pequenos grupos distanciados convenientemente entre uns e outros e con todas as medidas de seguridade fronte ao covid permitirán gozar dos espectaculares solpores sobre a Ría ao son da música e degustar algúns dos combinados ou refrescos da variada carta de bebidas que se ofrece no recinto.

Entrada de balde ata completar aforo.


Está pasando!