O Cineclube Pontevedra comeza o 2021 cun pequeno ciclo dedicado ao actor, guionista e director francés Jean Renoir (1894-1979)

8 Xaneiro 2021

O Cineclube Pontevedra comeza o 2021 cun pequeno ciclo dedicado ao francés Jean Renoir (1894-1979), actor, guionista e director fundamental para a Historia do Cinema, e un dos referentes básicos para o posterior desenvolvemento da Nouvelle Vague. Proxectaranse tres das súas obras mestras incontestables dos anos 30, época que tende a enmarcarse no que se deu en chamar naturalismo poético e que está fondamente atravesada pola convulsa situación que viven Francia e Europa antes do estalido da II Guerra Mundial.

As proxeccións regresarán ao seu horario habitual (20:30) e a billeteira do Teatro estará aberta unha hora antes (19:30) para que se poidan adquirir as entradas de maneira ordenada. O aforo actual está establecido en 98 persoas con posibilidade de agrupar conviventes de dous en dous.

As sesións de cineclube son de balde para as socias anuais e trimestrais, e teñen un custe de tres euros para as demais.

Irémonos anunciando con antelación calquera modificación derivada da situación sanitaria. A cultura é segura. Cultura ou barbarie.


PROGRAMACIÓN XANEIRO


MARTES 12 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

TONI [Jean Renoir, 1935, Francia, 82 min., VOSE]

Lingua orixinal: francés.

Toni é un obreiro italiano que chega á zona de Martigues, no sur de Francia, para traballar nunha canteira. Alí instálase na pensión de Marie, con quen inicia unha relación amorosa. Toni, non obstante, namorará logo de Josefa, unha inmigrante española que ao tempo é obxecto de desexo do seu capataz. Catro destinos cruzados que van colisionar violenta e dramaticamente.

Inspirándose nun feito real, Renoir achégase en Toni a un ton case documental. A utilización de actrices e actores non profesionais, o son directo, a rodaxe en escenarios reais ou o ton social do seu contido levaron a que boa parte da crítica especializada etiquetase o filme coma precursor do neorrealismo italiano.


MARTES 19 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

A GRANDE ILUSIÓN [Jean Renoir, 1937, Francia, 114 min., VOSE]

Lingua orixinal: francés, alemán, inglés, ruso

Primeira Guerra Mundial (1914-1918). O avión en que viaxan o capitán Boëldieu e mailo alférez Maréchal é derrubado polos alemáns e ámbolos son encarcerados. No barracón do campo de Hallsbach onde están recluídos, deben convivir cun variopinto grupo de compatriotas que, máis aló das diferenzas de clase que existen entre eles, únense para escavar un túnel que posibilite a súa fuxida.

Drama bélico cun marcado carácter antibelicista, A grande ilusión foi recibida con entusiasmo polo público mais prohibida nos países onde se instauraran reximes fascistas. Foi presentado no Festival de Venecia e censurado por Mussolini e por Goebbels, quen calificou a Renoir coma inimigo cinematográfico número 1.


MARTES 26 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

A REGRA DO XOGO [Jean Renoir, 1939, Francia, 113 min., VOSE]

Lingua orixinal: francés

Un adiñeirado aristócrata decide abandonar a súa amante para conservar o amor da súa esposa, cortexada ao tempo polo seu confidente e mais por un aviador. No transcurso dunha cacería de fin de semana en Solange, as intrigas amorosas de patróns e  servintes mestúranse até desembocar en traxedia.

Renoir asina con A regra do xogo un estudo sobre os hábitos da burguesía ás portas da II Guerra Mundial, unha comedia de modais que agocha unha aceda crítica á alta sociedade francesa. Obra mestra duramente prohibida polo Goberno francés por considerar que atacaba frontalmente os principios morais do país. «O credo dos amantes do cinema, o filme dos filmes», dicía dela Truffaut.


Cartaz Xaneiro 2021

+info. en facebook.com/cineclubepontevedra

Está pasando!