Elena Torres presenta ‘Sanxenxo no foco’ | Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo estreará unha nova programación cultural no Auditorio Emilia Pardo Bazán

3 Marzo 2025

O Concello de Sanxenxo estrea unha nova programación cultural ‘Sanxenxo no foco’ no Auditorio Emilia Pardo Bazán.

O obxectivo é ofrecer unha proposta enriquecedora e accesible para todos os públicos, a través de eventos artísticos de calidade que inclúan música, teatro, danza, cinema e actividades educativas.

“Buscamos ofrecer un contido diferente e achegar distintos tipos de propostas culturais a Sanxenxo”, apunta Elena Torres que presentou o programa esta mañá no remodelado salón de actos do Auditorio.



A programación irase dando coñecer trimestralmente e arrincará o vindeiro domingo 16 de marzo, ás 17:30 horas coa obra musical infantil e familiar, ‘Os tres porquiños’, incluída dentro do Circuito +Escénicas da Deputación de Pontevedra.

‘Os tres porquiños’ é un espectáculo teatral para os máis pequenos e pequenas con marionetas, teatro, xogos tradicionais e música en directo. Unha proposta coidada e visual a partir dun dos contos tradicionais máis coñecidos da literatura infantil.

O 29 de marzo, ás 17:30 horas, O Mago Paco toma a substitución coa súa obra musical e infantil. O Mago Paco encarna a figura de presentador do prestixioso programa ‘Xoga e Maxia’ onde a través de probas, os participantes competirán para levar ás súas casas algún agasallo.

Realidade ou ficción? Un concurso único, dotado de premios imposibles onde non existen gañadores nin gañadoras, se non participantes que non saberán a que proba terán que enfrontarse para tentar levar un agasallo.

Sonsgalia ofrecerá un concerto o 13 abril ás 18 horas con versións de música celta, bandas sonoras, pop, rock e jazz. Sutileza nos arranxos, virtuosismo na interpretación e unha coidada estética son os seus sinais de identidade.

O 25 de abril, ás 21 horas, o actor Xosé Touriñán, presentará en Sanxenxo o seu monólogo ‘Aquí tou!!’. Touriñán fai un percorrido pola súa vida, desde a súa concepción nunha noite de San Xoán ata un posible epitafio.

Momentos clave do seu camiño vital cos que, como galegos, todos sentimos identificados. Mesturando realidade con ficción, tenrura e picardía, anécdotas propias e cultura popular galega, Touriñán lévanos da man pola súa vida cun monólogo no que conta e representa partes da súa vida.

O 10 de maio, ás 18 horas, será a quenda de ‘Os contos de Lobicán’, unha obra de teatro adaptación do libro do mesmo título escrito pola veciña de Sanxenxo Eva Mejuto, gañadora do XV Premio Barriga Verde 2002.

O 24 de maio, o Auditorio acollerá un concerto de Pancho Varona, ás 21 horas. Guitarrista e compositor español coñecido por acompañan desde principios dos anos 80 as cantautor Joaquín Sabina.

Está pasando!