Presentación do Galegote 2024 | © Concello de Pontevedra

O Galegote recupera os bares da Boa Vila como o escenario principal á hora de apostar pola música galega

5 Abril 2024

  • O cartel do festival promovido polo Concello de Pontevedra agrupa bandas ben coñecidas no país coma Ataque Escampe, voces emerxentes como Caldo e representación local con Debajodelapalmera e Rodrigo Valiente
  • Celebrarase durante toda a xornada do sábado, 27 de abril, con entrada libre e de balde a todas as propostas musicais ao longo do día en distintos establecementos coma o Diaño, The Groove House, Sopa de Gallo, O Grifón, La Hormiga, La Pomada ou Tabula Rasa

O Galegote preséntase de novo como unha xornada imperdíbel para os amantes da música. A nova edición festa proposta promovida polo Concello de Pontevedra cristaliza nunha xornada onde as voces e as melodías galegas son as protagonistas, recuperando os bares como os escenarios principais para presentar as cancións e, como non, gozar das mesmas.

Até 14 actuacións distintas se desenvolverán na Boa Vila o vindeiro 27 de abril, en distintos locais e establecementos como son o Diaño, o Tabula Rasa, a Nasa, La Hormiga, La Pomada, O Grifón, O’Panderetas, La Verbena, o Chirala, The Groove House e o Sopa de Gallo.



O concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, lembrou que co Galegote «case se pode dicir que dá comezo a tempada de festivais». «O sábado 27 de abril volvemos gozar cun festival que ten como fío conductor a lingua galega», indicou, ao tempo que repasou as novidades deste ano como son á volta a condensar todo o programa nunha única e intensa xornada, amais da volta aos bares como «mellor ambiente para o rocanrol, xuntando ambientes e públicos».

«Dos 14 espectáculos, 12 estarán realizados por artistas do país e 2 por artistas portugueses», referíndose a Duques do Precariado e Érika Machado. «Non nos chega o tempo para que chegue esta data e poder gozala».

Así, o cartel do Galegote configúrase coas seguintes bandas e artistas:

  • Contos nas verzas (espectáculo infantil)
  • Moucho (homenaxe a Dany Moure)
  • Lacón sin jrelos
  • Caldo
  • Filloas
  • Debajodelapalmera e Rodrigo Valiente
  • Ataque Escampe
  • Zeltia Irevire
  • Duendeneta Dilleis
  • Michu da rocha
  • Duques do precariado
  • Amoebo
  • Hydn
  • Érika Machado
Está pasando!