O GALP Ría de Pontevedra leva a Bueu unha demostración de cociña ao vivo con produtos do mar

9 Xullo 2026

O proxecto ‘Pesca Saúde’, impulsado polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia, continúa a súa programación de actividades para promover o consumo de produtos do mar cunha nova proposta que chegará a Bueu o mércores 15 de xullo.

A partir das 11:30 horas, a Praza de Abastos de Bueu converterase no escenario dunha demostración de cociña ao vivo na que membros da Escola de Cociña Cousiñas elaborarán diferentes receitas con peixe e outros produtos do mar. As persoas asistentes poderán seguir en directo a preparación dos pratos e degustar as elaboracións.

Esta actividade forma parte dun ciclo de sete ‘showcookings’ que se desenvolverán ao longo do mes de xullo en diferentes vilas costeiras galegas, coa participación de cociñeiros e cociñeiras de prestixio. A iniciativa busca poñer en valor a calidade e a versatilidade do produto pesqueiro galego, ao tempo que promove hábitos de alimentación saudables entre a cidadanía.

As persoas que o desexen poden reservar a súa praza en i.gal/showcooking. Durante estes eventos celebraranse tamén os sorteos de degustacións de produto pesqueiro, entre as persoas que participaran na campaña reunindo os seus tiquets de compra e depositándoos nos buzóns de ‘Pesca Saúde’.

Ademais, as peixerías seguen a ter un papel protagonista en ‘Pesca Saúde’. Máis dun cento de puntos de venda adheridos á campaña e repartidos por toda a costa galega, aceptarán os vales de desconto de 5 euros, aplicables directamente na compra, que se reparten entre os asistentes nestes eventos. Ademais, amplían o seu prazo de validez ata o vindeiro 31 de xullo.

Outras actividades: Come o mar, come saúde

Outro obxectivo do proxecto é o sector da hostalaría, onde coa iniciativa ‘Come o mar, come saúde’ xa se está a traballar cos restaurantes adheridos na elaboración de menús saudables sempre con produtos pesqueiros locais e de tempada.

E a partir de setembro, poranse en marcha os Obradoiros de Batchcooking. O Batchcooking é un xeito de organizar a cociña da semana consistente en preparar nun mesmo momento varias elaboracións ou bases que despois se poden combinar e reutilizar en diferentes comidas. Os obradoiros acompáñanse da publicación dun receitario, que se reparte nos eventos de ‘Pesca Saúde’ e tamén está dispoñible na web do proxecto.

Os beneficios do consumo de produto pesqueiro na saúde

O proxecto ‘Pesca Saúde’ nace nun contexto no que o consumo de peixe fresco descendeu progresivamente mentres aumentou a presenza de produtos ultraprocesados na alimentación habitual. Esta transformación dos patróns dietéticos está asociada a un incremento das enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias.

Por iso, promover o consumo regular de peixe galego non é só unha decisión dietética, senón tamén unha estratexia de saúde pública baseada na evidencia científica. A través destas actividades, búscase fomentar o consumo de produtos pesqueiros para mellorar a saúde e o benestar da cidadanía, promovendo hábitos de vida saudables.

O peixe e o marisco son alimentos de alta densidade nutricional: conteñen moitos nutrientes esenciais en proporcións axeitadas e con poucas calorías. Proporcionan proteínas de alto valor biolóxico, con todos os aminoácidos esenciais, e graxas cardiosaudables, ricas en ácidos graxos omega-3 (EPA e DHA), que o corpo non pode fabricar por si mesmo. Está probado o seu beneficio no sistema cardiovascular, na saúde cerebral e función cognitiva, na saúde ósea e muscular, na inmunidade e no metabolismo.

‘Pesca Saúde’

En ‘Pesca Saúde’, financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 a través da Consellería do Mar, participan 7 GALP, que cobren unha parte importante do litoral galego: GALP Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Costa Sostible, Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal.

O proxecto conta tamén coa colaboración da Consellería de Sanidade, unindo as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027.

Está pasando!