O Nadal recuperará a normalidade e a ilusión en Marín

18 Outubro 2021

Este Nadal, Marín recuperará a ilusión, a maxia e as actividades. Así o adiantou o Goberno local, que se atopa inmerso na organización destas datas e de toda a oferta lúdica, cultural e de tradición que se programará de cara á última gran festividade do ano.

Está previsto que volvan colocarse dúas carpas de entretemento, unha na Alameda e outra no Parque Eguren. A primeira estará destinada sobre todo aos máis pequenos da casa, ata aproximadamente os 12 anos, mentras que a do Eguren buscará ofrecer ocio e divertimento á mocidade a partir desa idade en adiante, para que poidan ter un punto de encontro e de diversión durante as vacacións na súa vila.

Tamén volverá percorrer as rúas do centro urbano o tren navideño, un clásico do Nadal en Marín que é moi utilizado pola veciñanza en xeral pero sobre todo polos centros educativos, antes de que rematen as clases.

Por suposto, tal e como explicou a concelleira de Festas, Marián Sanmartín, “en todo momento manteremos as medidas sanitarias que estean vixentes para entón sobre aforos, uso de mascarillas… ou as cuestións que sexan pertinentes”.

No que respecta á ornamentación da vila para crear ese ambiente festivo, volverá optarse por un formato híbrido no que destaque tanto o alumeado como distintos elementos decorativos en forma de estacións que se colocarán en distintos puntos do centro urbano.

O alumeado, cun orzamento de licitación de 72.600 euros, atópase en proceso de presentación de ofertas, que rematará a próxima semana, para despois poder adxudicalo. No que respecta aos decorados, igual ca o ano pasado, instalaranse distintos motivos navideños, como unhas figuras dos camelos reais, unha recreación dunha vila de Nadal ou o Portal de Belén, entre outros.

Ademais, tal e como se avanzou a pasada semana, tamén se instalará na Alameda a feira de artesanía.

Está pasando!