Ortiga | © Estrella Galicia

Ortiga dálle vida a ‘A Nosa Verbena’, a canción do verán de Estrella Galicia

20 Maio 2024

  • ‘A Nosa Verbena’ é unha iniciativa impulsada por Estrella Galicia para apoiar e preservar as verbenas galegas en risco de desaparecer por despoboamento ou falta de recursos
  • O novo sinxelo do músico santiagués propón o día de festa perfecto para terminar con todo o mundo bailando na orquestra

As festas en Galicia terán un novo himno a partir de agora: ‘A Nosa Verbena’. Ortiga describe unha xornada na que todos os galegos vivimos en bucle durante o verán. Por suposto, non poden faltar os amigos e familia, as comidas, as historias de amor acompañadas dunha orquestra e sobre todo moita alegría e ganas de pasalo ben.

O tema, impulsado por Estrella Galicia, forma parte dunha campaña de recuperación de verbenas promovida pola marca, na que o obxectivo final é volver dar vida ás festas de moitas localidades galegas que, hai tempo, deixaron de celebralas. Era necesaria, por isto, unha canción que aglutinase todos os elementos que definen a nosa particular e tradicional forma de lecer.

Para conseguir isto, Ortiga volve á cumbia (un dos ritmos de referencia da verbena) e ao seu son máis primitivo e midi, xa que esta vez abandona os ventos da Orquestra Os Satélites para atoparse coas sonoridades máis propias das producións de finais dos 90 e principios dos 2000, onde este tipo de música era feita por un número reducido de persoas con módulos de sons electrónicos e instrumentos dixitais.


Portada de ‘A Nosa Verbena’ | © Estrella Galicia

Respecto á letra, conta cun vello coñecido: Cibrán García (Boyanka Kostova), experto en facer descricións certeiras da idiosincrasia galega e debuxar imaxes icónicas da cultura como xa nos ten afeitos con “Muinheira de Interior”, “OG”, “Leiraz”, “Italofeira” e un longo etcétera…

A portada corre a cargo de Mariano Casas Gil, ilustrador picheleiro de referencia, onde inmortaliza a igrexa de San Mamede de Lousada (Carballedo), pobo onde viviu Ortiga a inmensa maioría das verbenas que inspiraron esta canción.

Logo de ter adiantado un par de singles do seu novo disco (“Le Hice El Seso A Tu Novio” + “5ª Dimensión) Ortiga volve á carga cun terceiro álbum que verá a luz despois do verán, 3 anos despois do anterior “Sabes El Camino Que Elegí”. Neste tempo estivo inmerso en proxectos como Boyanka Kostova, Ortiga&PiliPampín, Los Rastreadores e exercendo de produtor para xente como Carlangas, Manu Chao, Chacho Cósmico ou Conjunto Amistá entre outros.



Para a terceira edición da iniciativa, elixíronse sete verbenas (de entre máis de 200 solicitudes) que achegan un valor á comunidade e que se atopaban en risco de desaparecer. Ademais, tentouse que estean representadas pequenas localidades de todas as provincias galegas.

As sete elixidas son: as Festas de San Xoán en San Xoán de Río, Ourense (22 de xuño), as Festas de San Pedro de Burgueira, Oia, Pontevedra (28 de xuño); San Pedro da Ribeira en Saldoira, A Pontenova (29 de xuño); Festas do Carme, festa da Xuventude en Barra de Miño, Ourense (19 de xullo); Verbena Estival, en Vilanova; Vilaverde, Modreiro, As Teixoeiras, Busnullán e Amorne, no Cebreiro, Lugo (17 de agosto); Festa dos Remedios en Santa María de Feá, Toén, Ourense (7 de setembro) e Festa de Santa María ds Cabeza, en Fruíme, Lousame, Noia (14 de setembro).

Está pasando!