Pontevedra dálle o ‘si, quero’ a unha nova edición do salón nupcial ‘De Voda con Nerea’

19 Xaneiro 2023

O wedding showroom impulsado pola Concellería de Promoción Económica en colaboración coa firma La Boda de Nerea abrirá as súas portas no Recinto Feiral con 40 expositores durante os días 28 e 29 de xaneiro


Pontevedra volverá vestir de branco e poñerse ante o altar do sector nupcial coa celebración dunha nova edición do salón ‘De Voda con Nerea’, impulsado pola Concellería de Promoción Económica en colaboración coa firma de La Boda de Nerea.

O wedding showroom abrirá as súas portas ao público no Recinto Feiral entre os días 28 e 29 de xaneiro, en especial a aquelas parellas que teñen previsto organizar o seu enlace matrimonial a curto ou medio prazo, despregando unha proposta na que 40 expositores achegarán de xeito directo a maior oferta comercial de servizos e produtos existentes neste ámbito e que terá como atractivos un espectáculo performance; os agardados desfiles de noiva, madriña, convidada e comuñón; almorzos profesionais e sorteos con premios como un vale de 1.000 euros entre tódalas parellas que contraten cando menos a tres provedores da feira, un cartel de benvida ou seating plan ou un ramo de noiva.

O salón permitirá que os expositores entren en contacto directo con potenciais clientes, amosando os seus produtos e servizos e diferenciándose do resto, e que os noivos accedan a provedores cualificados nun mesmo espazo, aforrando tempo e enerxía á hora de organizar a súa cerimonia. Tal e como subliña a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “este evento feiral supón unha oportunidade para atopar novos clientes e de xerar contactos, xa que na súa axenda tamén se inclúen almorzos profesionais nunhas zonas especificamente habilitadas para potenciar as conexións entre todos”.

“Na zona na que se instalará a pasarela -avanza a edil do PSOE- tamén se impartirán charlas empresariais, con proxección de imaxes, enfocadas no e-mail márketing e a dixitalización e diversificación de negocio. Estarán abertas, baixo inscrición previa, a todos aqueles que desexen participar, tanto asistentes ao evento como a provedores”, explica Blanco.


Noivos xigantes, desfiles e performance de Eva Lede

Segundo sinala a concelleira socialista, “uns noivos xigantóns encargaranse de darlle a benvida ao público en diferentes franxas horarias”, mentres que “tanto o sábado 28 como o domingo 29 celebraranse desfiles polas mañás, ás 12:00 e ás 13:00 horas, e polas tardes, ás 17:00, 18:00 e 19:00 horas”. “Nos de nenos exhibiranse marcas como Badum Badero, Trasniños e Olga Modas e nos de noiva, madriña e convidada, firmas como Rosa Clará, Olga Modas e Núa Nú”, apunta Blanco.

Como aconteceu na pasada edición, tampouco faltarán os espectáculos, nesta ocasión da man da bailarina profesional Eva Lede. A súa performance poderá desfrutarse o sábado e o domingo ás 16:30 horas.

Unha das novidades deste salón ‘De Voda con Nerea’ será a celebración de sorteos, con agasallos como un vale de 1.000 euros entre tódalas parellas que contraten cun mínimo de tres provedores con stand na feira; un cartel de benvida ou seating plan; a asesoría personalizada da firma El Consejo de Silvia, e un ramo de noiva.

As instalacións do Recinto Feiral permanecerán abertas ao público en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:30 horas, cunha oferta que abrangue tendas de moda nupcial, organizadores de eventos, axencias de viaxes, perruquerías, cátering, fotografía ou firmas especializadas en audiovisual, animación e maquillaxe. Xa confirmaron a súa presenza os seguintes expositores:

  1. Jose Mosquera Visualgal
  2. Visual PC Studio
  3. Pixelecer Bodas
  4. Son Events
  5. Eventualive
  6. Eventualive Kids
  7. Farley Events
  8. Viaja con Josiño
  9. Núa Nú
  10. Olga Modas
  11. Trasniños
  12. Badum Badero
  13. Bambú Floristería
  14. Salitre & Papel
  15. Merypuch complementos y tocados
  16. Miss Majorita Eventos
  17. Finca Batacos
  18. Ice Tattoo
  19. Rainbow
  20. MaderAlba
  21. Boda en clásico
  22. Chassé Centro Artístico (Eva Lede)
  23. Pamolita Eventos
  24. Hotel Sena
  25. Papeliños
  26. Arax Gazzo
  27. Xogando co Vento
  28. Galca Eventos
  29. Somos do Sol
  30. Somos Enxebre
  31. Lelé Eventos
  32. Peluquería Eloísa
  33. Betty Peluquerías
  34. Loaira Space
  35. Laura Sande Salón de Belleza
  36. Peluquería Innovat
  37. El Consejo de Silvia
  38. Ramón Joyeros
  39. XQuatro Espectáculos
  40. The Make Up Studio

Yoya Blanco asegura que “deixamos atrás os anos de pandemia, nos que fomos quen de celebrar este salón nun formato en streaming desde a Finca Batacos (en 2021), e a verdade é que a xente está a casar máis que nunca”, polo que “o éxito deste salón está máis que garantido”.

Está pasando!