Pontevedra mergúllase na programación das Festas da Peregrina logo dun inicio por todo o alto

14 Agosto 2022

Alén do eido musical e os grandes concertos, a programación da Semana Grande inclúe xogos e tradicións populares para a cativada, pasarrúas, charangas, animación e espectáculos pirotécnicos


Logo dun glorioso concerto por parte dos Planetas, Pontevedra pode dicir que xa está de cheo na programación oficial das Festas de Peregrina. Un percorrido polo ocio e a cultura para todos e todas, que este domingo continuará con Zahara e ao ambiente festivo propio destas datas, mais que se seguirá expandindo ao longo de toda a semana que está por vir.

A Boa Vila, ateigada de xente, propón unha volta á normalidade total, recuperando o gozo previo á pandemia, recuperando formatos e animando á xente a ocupar de xeito masivo a rúa e as prazas da cidade.

Mañá, luns, 15 de agosto, a Festa seguirá o seu camiño con dúas grandes actuacións, tal e como se repetirá ao longo de toda a semana: primeiro na Ferraría, logo na praza do Concello.

Neste caso, Rock Circk será a agrupación que, ás 21 horas, suba o escenario da praza da Ferraría. Rock Circk preséntannos un espectáculo circense aderezado con punteos de guitarra eléctrica, redobres de batería estrambóticos, desgarbados voos, equilibrios esperpénticos e melenas ao aire que se desenvolve nunha peculiar estrutura aérea autónoma. Un rechamante cadro de personaxes roqueiros capaces de seducir a calquera tipo de público, unha mestura dinámica, fresca e divertida entre as técnicas de circo e o Rock máis puro, clásico e divertido, na que se coa un peculiar «home tiracroios» que será disparado ante a mirada atenta do respectable. Un espectáculo que se desenvolve cunha linguaxe corporal, expresivo e musical, cheo de humor, onde a sorpresa e o risco non nos deixarán quitar atención.

Doutra banda, ás 22.30 horas, Coque Malla fará súa a praza do Concello. O artista madrileño saltou á fama logo de exercer como líder e cara máis visíbel dos Ronaldos, entre os anos 1987 e 1998. Desde aquel intre, mantivo unha carreira en solitario de éxito, ben coñecida polos seus directos e a súa capacidade para mesturarse con outros estilos alén do rock e o pop, amais de amosarse como un músico solvente e capacitado no escenario. O seu último disco editado foi El Astronauta Gigante, obra que viu a luz a finais do ano pasado.

Porén, as Festas da Peregrina non se condensan só nestes dous escenarios. O ambiente festivo da Semana Grande é palpábel a todas horas e a cada intre, e tamén en cada espazo da Boa Vila.

Nese sentido, e promovendo outras actividades de peso para a cidade, o luns, ás 10.30 horas, a Escola de Xadrez Pontevedra realizará unha exhibición na Avenida de Santa María, un xeito de promover este deporte, ao tempo que se fomenta a actividade a pé de rúa.

Por suposto, haberá pasarrúas a distintas horas da xornada da man da Charanga OT, Fervellos do Pío, ou o grupo de gaitas Os Alegres. Tamén está programado para as 19 horas o concerto da Banda de Música de Salcedo na Avenida de Santa María, tamén.

E a cativada? Ás 17.00 horas terán a oportunidade de gozar dos xogos e tradicións populares na avenida de Santa María, para logo poder ir até a praza da Curtidoira e ver a actuación de Barafunda Animación, co espectáculo Globotolo, ás 19.30 horas.

Xa coa noite pecha, ás 23 horas a tradicional verbena de Montero Ríos é unha cita obrigada, igual que o espectáculo pirotécnico de Xaraiva, entre a ponte do Burgo e a ponte de Santiago, espazo no que están a ser e serán os espectáculos deste tipo este ano.


Está pasando!