Presentación do I Open Pickleball Concello de Poio | © Concello de Poio

Raxó acolle este sábado o I Open de Pickleball Concello de Poio

16 Xullo 2024

Este sábado, 20 de xullo, celébrase o I Open de Pickleball Concello de Poio nas pistas de Monte Baldío, en Raxó, organizado polo Club de Tenis de Raxó e coa colaboración do Concello de Poio e da SCD Raxó.

O concelleiro de Deportes, Cándido Muíños, participou esta mañá na presentación do torneo, xunto con representantes do club deportivo e da sociedade cultural. Destacaron a oportunidade de coñecer unha nova modalidade deportiva que está sumando grande afección e que está tomando impulso nos últimos tempos.

Desde a organización calculan que contarán coa participación de máis de 50 persoas, que xogarán nas categorías individual e dobres masculino e feminino. Con todo, o prazo para inscribirse continúa aberto ata o mércores 17, no teléfono 689 528 511. A inscrición ten un custe de 8 euros, no que se inclúe un pack de benvida e participación en sorteos. Para os socios da SCD Raxó, CT Raxó, AAVV de Raxó e ACD Raxó, o prezo é reducido, de 3 euros.



A competición desenvolverase en catro pistas e dúas zonas de adestramento. Os partidos nas categorías individuais xogaranse desde as 10.00 horas, e os dobres en horario de tarde, desde as 17.00 horas. A clausura do I Open de Pickleballo será aproximadamente ás 20.30 horas.

Precisamente, o sábado pasado desde o Club de Tenis de Raxó organizaron unha xornada de portas abertas para dar a coñecer o pickleball entre veciños e visitantes. Durante toda a mañá, participaron de xeito gratuíto en adestramentos, dirixidos por monitores especializados, para adentrase nun deporte que pouco a pouco está gañando adeptos en toda a provincia e que o sábado, segundo indicaron desde o club, demostrouse tamén en Poio cunha alta participación durante toda a mañá.

Está pasando!