Redondela ofrece actividades ambientais e culturais para familias na Semana Santa

10 Abril 2025

O Concello de Redondela oferta diferentes roteiros durante as vacacións de Semana Santa. As concellerías de Turismo, Medio Ambiente e Infraestruturas e Sostibilidade organizan tres actividades para o público infantil e familiar. Haberá catro actividades os días 17, 18 e 19 de abril.

A primeira das xornadas é o xoves 17 de abril ás 18.00 horas. Trátase dunha ruta de Orientaventura en bicicleta por Chan das Pipas, Saxamonde. O prezo desta actividade é de 5 euros, con bici propia, ou 8 euros con bicicleta do Concello incluída.

O venres día18 de abril ás 19.00 horas farase unha visita guiada ao Cemiterio dos Eidos. Nesta ruta, para todas as idades, os visitantes poderán coñecer o patrimonio histórico, artístico e cultural da vila.

Este cemiterio, do ano 1833, recolle boa parte da historia de Redondela, onde repousan ilustres persoeiros. Este monumento, considerado como un “xardín romántico”, conta con interesantes esculturas e panteóns de arquitectura neogótica. Esta visita é de balde.



O sábado 19 de abril ás 12.30 horas organízase unha actividade de kaiak ambiental pola enseada de San Simón. Nesta actividade os participantes poderán coñecer os fondos mariños e a contorna da illa de San Simón.

Esta contorna, que forma parte do espazo protexido Rede Natura 2000, conta cunha gran riqueza ambiental e unha rica biodiversidade. O prezo desta actividade é de 20 euros.

Tamén o sábado ás 19.00 repítese a visita guiada ao Cemiterio dos Eidos, actividade de balde.

Desde o goberno local destacan o valor destas actividades de lecer que, ao mesmo tempo, serven para poñer en valor os espazos naturais e históricos de Redondela e concienciar á cidadanía sobre a importancia de respectar e preserva este patrimonio.

Para participar é preciso facer previamente a reserva na Oficina de Turismo, rúa Isidoro Queimaliños, a través do teléfono 984 401 713 ou no enderezo electrónico [email protected].

Está pasando!