The Rapants, Bombai, Soraya Arnelas, Broken Peach, Remember Queen e La Ocaband subiranse ao escenario da Festa do Mar en Combarro

18 Xullo 2024

Celébrase do 22 ao 25 de agosto e, como na edición pasada, apostarase de novo por unha edición mariñeira, coidando os decorados e cunha programación ampla e variada para todas as idades


O Concello de Poio xa está ultimando a programación da Festa do Mar, que se celebra do 22 ao 25 de agosto en Combarro. Tal e como fixo na edición pasada, este ano volverán a apostar por impulsar o espírito mariñeiro da festa, coidando os decorados, mesturando gastronomía e cultura, e cunha programación ampla e variada para todas as idades.

Con respecto aos concertos, The Rapants, Bombai, Soraya Arnelas, Broken Peach, Remember Queen ou La Ocaband serán algúns dos artistas e grupos que se subirán pola noite ao escenario na Praza da Chousa. “Pensamos nunha programación variada, que ofreza propostas para todas as idades e para todos os gustos”, sinala o concelleiro de Festexos e Eventos, Fran Dasilva, que indica que a programación completa darase a coñecer nos próximos días. Todos os concertos serán gratuítos.

Así, o xoves 22 actuarán a orquestra La Ocaband e Broken Peach, un grupo que leva anos triunfando nos escenarios e que hai unhas semanas presentaban “Welcome to the Brokenlands”, o seu primeiro disco con cancións orixinais.

O venres a banda galega do momento, The Rapants, porá a música en Combarro a través do programa +Música da Deputación. Naturais de Muros, Samuel, Matías, Xaquín e Xanma forman esta banda que navega entre o indie, o pop e o garage, cunha identidade propia, moi marcada, que desborda talento, actitude e diversión sempre ao servizo do público. A finais de xaneiro de 2023 sacaron o seu último traballo, co título “O Corazón coma un after”, un LP co que a banda camiña cara o asentamento profesional e a súa aposta por un estilo propio, cargado de rifs de guitarra e sintetizadores.

As actuacións de Bombai e Soraya Arnelas serán o sábado. Bombai é un grupo valenciano que se deu a coñecer co single “Solo si es contigo”, un tema fresco e positivo cun son pop-rock e un toque reggae moi coidado que contou coa colaboración da cantante extremeña Bebe. Despois virían tamén os temas “Imparables”, “Superhéroes” ou “Tú me has cambiado”.

Soraya Arnelas é unha cantante e compositora española que se deu a coñecer no ano 2005 no programa Operación Triunfo, desde entón conta con éxitos musicais como “Dreamer”, “Feeling You”, “Con Fuego” ou “Universe in me”. “Earthquake” é o novo single, que inaugura unha nova etapa na súa traxectoria, que o ano próximo cumpre vinte anos na industria musical.

Por último, o domingo será a quenda de Remember Queen, un dos mellores tributos do mundo que no seu tour europeo fai parada en Poio. Unha homenaxe a Queen, á súa música e á figura do seu líder, Freddie Mercury, que desde o ano 2011 foi vista por máis de tres millóns de espectadores.

Está pasando!