O XXII Memorial Ricardo Portela homenaxea ao gaiteiro e artesán ‘Xocas’

7 Xullo 2021

152O XXII Memorial Ricardo Portela, organizado pola Concellaría de Festas de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos, homenaxea ao gaiteiro, palleteiro e artesán Xaquín Míguez Rodríguez ‘O Xocas’.

O Memorial terá lugar durante os días 9, 10 e 11 de xullo na praza da Ferraría e, como novidade nesta edición, a Asociación de Gaiteiros Galegos presenta a reedición da biografía de Ricardo Portela, que fora editada en 1988 en vida do gaiteiro de Viascón.

A XIX Mostra de Artesanía de instrumentos tradicionais volverá instalarse como todos os anos no paseo Antonio Odriozola e contará con doce postos: Afonso Castro (O Rosal), Alberto Pires (Pontesampaio), Diego Langarika (Mondariz), Iago Salgado (Teo), Lorena Reinaldo (Soutomaior), Luís Martínez (Soutomaior), Master Gaita (Sada), Nebra (Porto do Son), Queima (Redondela), Suso Gestal (Ordes), Tunhas (Brión), Xaneco (Outeiro de Rei).

PROGRAMA

 Venres 9 

• 17:30 h. Pasacalles: Arghaço (Cangas do Morrazo), Ghaiteiras d’Arredor (Bueu), Gaiteiros da Rías Baixas (Pontevedra) e Herbaxeiros Gaiteiros (A Coruña).

• 21:00 h. Concerto no escenario: Acordeireta: dúo composto por Patricia González Iglesias (voz, pandeireta, culleres) e Alejandro Balbuena Ojea (acordeón, zanfona, bombo e voz) que presentan o seu traballo “Loitar Cantando”, o seu primeiro disco

 Sábado 10 

• 11:30 h. Pasacalles: Boucisca (Lugo), Gaiteiro de Poio (Compostela), Os Lerenses (Pontevedra) e Picuiña (Marín).

• 18:00 h. Pasacalles: Boucisca (Lugo), Gaiteiro de Poio (Compostela), Os Lerenses (Pontevedra) e Picuiña (Marín).

• 20:30 h. Presentación da biografía de Ricardo Portela con Jose Luis Calle.

• 21:00 h. Concerto no escenario. Alvariza: grupo de música galega composto por músicos formados en distintos estilos (tradicional, clásico e incluso música moderna) e que, pola diversidade da súa instrumentación, acada unha gran versatilidade sonora e rítmica conseguindo unha identidade propia que se pode apreciar tanto nos temas recollidos coma nos de autor . Presentan o seu traballo “Denominación de Orixe”.

 Domingo 11 

• 11:30 h. Pasacalles: Gaiteiros do Ulla (Vedra), Gargallada (A Coruña), Lubicáns (Ourense) e Os Mecos de Ogrobe (O Grove).

• 18:00 h. Pasacalles: Gaiteiros do Ulla (Vedra), Gargallada (A Coruña), Lubicáns (Ourense) e Os Mecos de Ogrobe (O Grove).

• 21:00 h. Homenaxe a Xocas.

• 21:15 h. Concerto no escenario. Ghaveta: grupo de música tradicional composto por Beatriz Martínez (arpa e culleres), Marta Martínez (voz, percusións e bouzouki), Diego Langarika (guitarra acústica e bouzouki) e Felipe Rodicio (violín) que presentan o seu traballo “A raíz do pensamento”.


Libro “Ricardo Portela. Dúas palabras verbo da gaita galega” | © Asociación de Gaiteiros Galegos

O libro ‘Ricardo Portela. Dúas palabras verbo da gaita galega’

Neste Memorial presentarase (sábado ás 20:30h) a reedición da biografía ‘Ricardo Portela. Dúas palabras verbo da gaita galega’ coa presenza do seu autor, José Luis Calle García. O libro, que fora editado en 1988 en vida do gaiteiro de Viascón, conta agora con 4 capítulos novos que fan referencia á pegada que Ricardo Portela deixou tras o seu pasamento. Tanto a primeira edición como esta reedición corren a cargo da Deputación de Pontevedra.

Trátase dun libro de referencia para a música tradicional que non só achega a vida do gran mestre senón que afonda na súa técnica e no seu xeito de expresar coa gaita.

Convén lembrar que Ricardo Portela é un dos gaiteiros mais recoñecidos do país, firme defensor da gaita e da figura do gaiteiro e elo fundamental entre a gaita tradicional e a gaita actual. Reivindicou o toque pechado, as formas propias e diferenciais de tocar a gaita galega e negouse sistematicamente a facer soar a gaita nos intres e lugares onde non se escoitase coa debida atención e respecto. O seu repertorio foi e segue sendo fonte de inspiración para todos e todas as gaiteiras galegas.

A Asociación Galega de Gaiteiros tiña intención de presentar esta reedición en 2020 con motivo do centenario do nacemento de Ricardo Portela, mais por mor da situación sanitaria adiou a presentación para facela coincidir co Memorial. O libro foi distribuído entre todos os socios da Asociación e estará dispoñible no posto que teñen na Mostra de Artesanía.

Está pasando!