O Concello de Pontevedra mantén todo o seu respaldo a Culturgal ante o cambio de formato da feira

29 Outubro 2020

As restricións nos aforos plantexadas por mor da pandemia e a evolución da mesma a nivel contaxios levaron á organización da Feira das Industrias Culturais, Culturgal a tomar a decisión de prescindir da presenza de stands na que será a 13 edición do evento.

Pese a ter xa preto de 80 espazos alugados, a responsabilidade para coas empresas pesou e “entendemos que coas restricións nos aforos vixentes, a 60 persoas por espazo, a rendabilidade da feira para as empresas con stands sería moi baixa tanto a nivel económico como de imaxe” apuntan dende a dirección do evento.

O replantexamento da feira pasa por manter a actividade presencial en 5 espazos, con diferentes accesos que eviten o contacto entre asistentes Serán o Espazo Infantil e Libro, situados en ambos extremos do Recinto Feiral, o Foro, que se celebrará na Sala de Exposicións, o Salón de Actos destinado á programación de cinema e o Auditorio do Pazo da Cultura para as artes escénicas e musicais. Este último e os espazos foro e libro emitirán a súa actividade en streaming a través de diferentes canles.

Ante este novo formato da feira, a concelleira de Cultura Carme Fouces en representación do Concello de Pontevedra apuntou que “na nosa aposta pola cultura e política da non cancelar manteremos todo o noso respaldo á feira para garantir o soporte necesario nestes momentos complicados. Culturgal é un exemplo de que se poden evitar as cancelacións e hai xeito de levar adiante os proxectos adaptándoos a esta situación anómala que estamos a vivir”.

Bonos Pontevedra Culturgal 2020

O Concello, coa finalidade de apoiar ao sector cultural da cidade, lanzara para esta edición a convocatoria dos Bonos Pontevedra Culturgal 2020. A iniciativa, cancelada por mor da supresión dos stands na feira, ía facilitar a través deles, a presenza de 8 empresas neste escaparate das industrias culturais galegas.

Está pasando!