Arcade celebrará a XXXVI edición da Festa da Ostra os días 5, 6 e 7 de abril

26 Marzo 2024

Festa da Ostra de Arcade constitúe unha cita imprescindible no calendario gastronómico de Galicia. Esta parroquia do municipio de Soutomaior dálle a benvida a unha marea de visitantes a primeira fin de semana de abril para degustar este exquisito bivalvo. 

Esta celebración naceu en 1987 a iniciativa do sector ostreícola de Arcade, pioneiro na comercialización e exportación deste molusco. Abril é o mellor mes para a degustación da chamada trufa do mar ou perla dos mariscos, por iso se elixiu para a súa exaltación. A súa talla comercial, de entre 6 e 7 centímetros, conséguese en menos de 24 meses.

A cría e o consumo da ostra atesouran unha longa tradición na ría de Vigo. Existe constancia de que a poboación castrexa colleitaba este bivalvo, e o seu cultivo remóntase á época dos romanos. As dinastías dos Austrias e dos Borbóns apreciaban a calidade deste manxar, que era transportado á Corte do Reino en escabeche dentro de pequenos barrís de madeira; e que, xa no século XIX, se comercializaba en Europa.



A XXXVI edición da Festa da Ostra terá lugar os días 5, 6 e 7 de abril, cunha ampla e variada programación que se desenvolverá no Peirao de Arcade.

O venres 5 ás 12.00 horas, os asistentes poderán asistir á entrega do galardón á ostreira Isabel Seoane Amoedo. Xa pola tarde, ás 20.00 horas gozar coa animación da charanga A cabeza non para, e desde as 22.30 horas coa música das orquestras Origen e Marbella.

O sábado 6 a partir das 11.00 horas haberá pasarrúas e animación a cargo da charanga Fanfarria Furruxa, desde o centro urbano ata o Peirao. Ás 12.00 horas terá lugar a apertura das casetas de degustación.

Ás 20.00 horas Mekanika Rolling Band será o encargado de animar as rúas de Arcade e ás 22.30 horas comezarán a animación musical coan América de Vigo e La Fórmula. Ás 00.00 horas dará comezo a tradicional tirada de foguetes de arteficio.

A xornada do domingo 7 comezará ás 10.00 horas na rúa do Calvario, cun pasarrúas a cargo da Banda de Música Artística de Arcade e a Banda Cultural de Arcade, e que rematará no Peirao. Ás 11.00 horas terá lugar a apertura das casetas de degustación.

Ás 13.00 horas terá lugar á lectura do pregón, que este ano estará a cargo do escritor e profesor Manuel Lourenzo González. Pola tarde, ás 18.30 horas, os asistentes poderán gozar coa actuación musical de Cantanascroas.


Está pasando!