A deseñadora nominada aos Óscar Bina Daigeler e o animador Alberto Vázquez estarán esta semana en Pontevedra 

19 Novembro 2024

  • Conversando sobre animación’ con Alberto Vázquez. Martes 19 de novembro, ás 19:00 horas na Facultade de Belas Artes
  • ‘Conversando sobre deseño de vestiario’ con Bina Daigeler. Mércores 20 de novembro, ás 19:30 horas na Facultade de Belas Artes

Este martes e este mércores estarán en Pontevedra o animador Alberto Vázquez e Bina Daigeler, deseñadora de vestiario de Almodóvar e nomeada ao Óscar. Ambos son protagonistas de dúas das actividades previas dos Feroz 2025 no mes de novembro, que celebrará a súa gala de entrega o vindeiro 25 de xaneiro.

A Facultade de Belas Artes acollerá as clases maxistrais destes dous creadores:

Alberto Vázquez. O cineasta coruñés, ilustrador e debuxante de cómics (entre moitas facetas) compartirá o martes 19 de novembro cos asistentes como é o seu traballo no sector da animación e como foi a xestación de ‘Unicorn Wars’, filme que en 2022 se fixo co Goya á Mellor película de animación e foi candidato ao Feroz Arrebato de ficción (entre outros nomeamentos da tempada).



Bina Daigeler estará en Pontevedra o mércores 20 de novembro ás 19:30, coa colaboración de Debut (a pasarela do máster en Dirección Creativa e Deseño en Moda que se imparte en Pontevedra). Esta figurinista alemá afincada en España conta cun nomeamento aos Premios Óscar 2020 polo vestiario de ‘Mulan’ (Niki Caro) e falará de todos os fitos da súa extensa carreira, na que traballou con Pedro Almodóvar e Jim Jarmusch, entre outros cineastas.

Ao día seguinte, xoves 21 de novembro, Daigeler será recibida no Concello de Pontevedra e asinará no libro de honra.



A entrada a todas as sesións é de balde. As invitacións deben retirarse previamente na oficina de Turismo da Praza de España de Pontevedra, desde sete días antes de cada actividade e ata completar o aforo. Máximo 4 localidades por persoa.

Continúa así a programación de actividades previas dos Feroz 2025, que se estende ao longo de todo o outono e que convoca na cidade a algúns dos principais creadores do cinema e as series españolas.

Premios Feroz

Os Premios Feroz 2025, que destacan o mellor da produción audiovisual española do ano para a prensa especializada, están patrocinados polo Concello de Pontevedra así como por Legado Ibérico, marca premium do Pozo Alimentación e líder no sector do ibérico. Ademais, contan coa colaboración de Audi —Vehículo Oficial— e co financiamento do Goberno de España – Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Ministerio de Cultura.

A Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) é un grupo plural de máis de 250 xornalistas e críticos dedicados a informar sobre cinema en televisión, radio, prensa e Internet de todo o país. Desde 2014 entregan os PREMIOS FEROZ® para destacar o mellor da produción audiovisual española do ano. Ademais dos galardóns anuais, a asociación outorga o Premio Feroz Zinemaldia no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, o Premio Feroz Puerta Oscura no Festival de Málaga e o Premio Feroz Cinema Jove á mellor curtametraxe no seo do festival do mesmo nome. A AICE tamén organiza o festival Lo que viene, o campus de cinema e series La Inmortal en Zaragoza e o programa de formación en xornalismo de cinema e series María Luz Morales.

Está pasando!