A Guarda acolle ata o 13 de agosto a exposición de pinturas da artista local Chuny Vázquez

27 Xullo 2022

A Casa dos Alonso acolleu na xornada do martes, 26 de xullo, a inauguración da exposición ‘Un Canto a Cor e a Vida’ da artista local Chuny Vázquez.

Neste acto, que arrancou cunha presentación a cargo do reporteiro local e Ricardo Rodríguez, os asistentes puideron gozar da súa gran obra pictórica, a través de máis dunha trintena de cadros de diversas temáticas e técnicas.

Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, quixo recordar na súa intervención que esta exposición ven a cubrir novamente un espazo singular como é a Casa dos Alonso, “a casa de toda a cidadanía guardesa”, que trala pandemia aínda non acollera unha exposición de envergadura como a que nestes días se pode apreciar na nosa vila, indicando que “é unha oportunidade excepcional para unhas obras que ben o merecen, pola calidade artística e pola calidade humana que transmite a súa autora”.

Chuny Vázquez, autora das obras desta exposición, indicou regresar “dun xardín de cores” para amosar unha obra extensa, traballos e pinturas realizados nos últimos anos, entre a súa última exposición do ano 2008 e a actualidade.

En palabras da autora “Ningunha pintura fala de si mesma, gardan silencio, prefiren que sexa o público quen teña no seu poder, as preguntas ou respostas ante cada unha delas, porque senten a necesidade da súa atención, da súa linguaxe e sentimentos, porque levaron moito tempo agochadas entre as penumbras ao longo do peor da pandemia e agora piden a luz de todas as miradas, para volverse a sentir vivas.

A exposición pódese visitar de luns a sábado ata o vindeiro día 13 de agosto na Casa dos Alonso en horario de 10:30 a 13:30 horas e de 19:00 a 21:00 horas.


Está pasando!