Presentación do BVM 2026 | Concello de Pontevedra

A nova edición do certame ‘Ben Veñas, Maio’ chega con diversos cambios substanciais

4 Maio 2026

  • Esta edición chega con diversas novidades entre as que destaca a apertura da participación a todo o alumnado de secundaria, bacharelato e ciclos formativos dos centros do Concello de Pontevedra.
  • Os certames de poesía, relato curto e música mudarán as súas bases. Nos dous primeiros, a rapazada terá que redactar as súas propostas de xeito presencial nos respectivos centros de ensino. As pezas deberán incluír referencias a algunha das protagonistas da obra de Begoña Caamaño.
  • Pola súa banda o certame musical transfórmase nunha mostra de música durante a gala que terá lugar o 30 de maio ás 18 horas no Pazo da Cultura. Os grupos ou solistas interesados en participar, poderán inscribirse ata o martes 12 de maio.
  • En total serán preto de 4.000 euros en formato de vales para libros e material de papelaría a distribuír entre os apartados de fotografía, poesía, relato curto, banda deseñada e música, desaparecendo a modalidade curtametraxes e reels.

O Concello de Pontevedra en colaboración cos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros públicos de ensino secundario, convoca unha nova edición do certame ‘Ben Veñas, Maio’, unha iniciativa consolidada como referente na promoción do uso do galego entre a mocidade en ámbitos creativos como a fotografía, a poesía, a narración curta, a banda deseñada ou a música.

As bases, con algunhas modificacións con respecto a anteriores edicións, están xa dispoñibles para consulta no sitio web do Servizo de Normalización Lingüística e abren desta volta a participación a todo o alumnado matriculado nos IES e CIFP do Concello de Pontevedra, en calquera dos cursos de secundaria, bacharelato ou ciclos formativos.

O edil de Normalización Lingüística manifestou o “orgullo de participar coa coordinadora de profesores e profesoras dos equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, porque son xa máis de 30 anos da súa constitución. Por aquí pasaron moitas profesoras e profesores, algúns xa xubilados. O equipo segue en pé, o traballo continúa, demostrando que son quen de adaptarse aos novos tempos para seguir interesando á rapazada pola creación en Galego e por ofrecerlle aos mozos e mozas de Pontevedra un espazo de socialización en Galego”.

Manuel Xiráldez, profesor do EDL do IES A Xunqueira 2 e coordinador do ‘Ben Veñas, Maio’ nesta edición foi o responsable de anunciar “diversos cambios substanciais” entre os que destacou a apertura da convocatoria “a todo o alumnado de Pontevedra de ESO, Bacharelato e ciclos formativos de todos os centros públicos, privados ou concertados.

No desenvolvemento dos certames a principal mudanza é que nas modalidades de poesía e narración breve mudamos o formato de participación: detectamos presencia de Intelixencia Artificial nestes apartados na pasada edición e optamos por facer un acto de escrita presencial nos propios centros.

Teñen de marxe ata o 12 de maio, o IES Sánchez Cantón será dos primeiros o día 5 de maio e no IES A Xunqueira 2 seremos os últimos o día 11 de maio. A rapazada terá dúas horas para escribir alí presencialmente. A temática será libre coa única premisa de facer alusión a obra de Begoña Caamaño, concretamente a Morgana ou Circe, protagonistas das súas obras. É unha boa forma de achegar a mocidade á autora homenaxeada nas Letras Galegas”.

Outras mudanzas desta edición serán o certame musical, que pasará a ser unha mostra musical durante a gala de entrega de premios o día 30 de maio ás 18.00 no salón de actos do Pazo da Cultura.

O xurado dos certames estará composto polas persoas coordinadoras dos ENDL de cada centro. O proxecto manterá o seu orzamento destinado aos agasallos, que desta volta serán en forma de vales para libros e/ou material de papelaría.

Por ultimo, Manuel apuntaba á “desaparición das categorías de creación de reels e curtametraxes, dada a baixa participación rexistrada na pasada edición.

Está pasando!