Concerto da Aula Permanente de Música Tradicional Galega na Praza da Verdura | © UVigo

A Universidade volve levar a música tradicional ás prazas de Pontevedra

28 Maio 2024

As actuacións terán lugar nas tardes dos luns, ao longo do mes de xuño 


Aberta á participación tanto da comunidade universitaria como do conxunto da cidadanía, o campus de Pontevedra conta desde hai sete cursos cunha Aula Permanente de Música Tradicional Galega, na que preto de 40 persoas fórmanse no manexo de diferentes instrumentos populares.

Co obxectivo de achegar á cidade os resultados deste labor formativo, a Vicerreitoría do campus promove, coa colaboración do Concello de Pontevedra, un ciclo de actuacións nas prazas de Pontevedra, que terán lugar nas tardes dos luns ao longo do mes de xuño.

Esta programación arrancará o día 3 na praza da Verdura e continuará con tres novas citas nas que as e os integrantes da aula que dirixe Suso Vaamonde estarán acompañados por diferentes agrupacións, como o coro sénior do campus de Vigo ou o alumnado do obradoiro de baile tradicional do campus. O ciclo pecharase o 24 de xuño, na praza de España, cun concerto que reunirá os integrantes de seis escolas e agrupacións musicais.

“Levar á rúa o traballo que se fai na Universidade” constitúe, como sinala o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, o obxectivo central deste ciclo de concertos, que terán lugar ás 20.30 horas. Neles, a aula permanente interpretará un repertorio conformado por “cancións populares e algunha peza de autor”, que permitirán achegarse a ritmos “como o pasodobre, o valse, a muiñeira, as xotas ou as mazurcas”, como explica Vaamonde.



De gaitas e percusión á reunión de máis 100 músicos

O primeiro concerto, o luns 3 na praza da Verdura, correrá a cargo das e dos preto de 30 integrantes do grupo de gaitas e percusión da aula. Esta mesma formación repetirá repertorio o 10 de xuño na praza do Teucro, incorporando desta volta as voces do Coro Sénior do campus de Vigo en varios temas. Unha semana despois, o luns 17, actuarán na Ferraría acompañados polo alumnado do obradoiro de baile tradicional do campus, que dirixe a integrante de Leilía Montse Rivera e que contou no presente curso con 30 alumnos e alumnas.

Por último, a praza de España será o escenario, o 24 de xuño, dun concerto da aula permanente ao completo, nun formato de orquestra que sumará a gaitas e percusión, acordeóns, zanfonas, ocarinas e requintas. Farano acompañados por integrantes da Escola de Instrumentos Populares Galegos Suso Vaamonde de Caldas de Reis, a agrupación Tequexetéldere da Estrada, a Escola de Música e Baile Tradicional do Concello de Outes, a asociación A Fuliada de Betanzos e a asociación Hai que Roelo de Cuntis. En conxunto, serán preto de 120 os músicos e músicas que protagonicen un concerto protagonizado tamén por pezas populares.

Numerosas actuacións para pechar o curso

A consolidación dun grupo estable permitiu nos últimos anos que a aula protagonizase múltiples actuacións, tanto dentro como fóra da Universidade. De feito, ademais deste ciclo de concertos, o sábado 1 formará parte da programación do Incode Fest, na alameda de Pontevedra, onde compartirá escenario coa Orquestra Sinfónica Xove, como xa fixera no Concerto de Primavera do campus, e coa asociación Hai que roelo. Á semana seguinte, participará nun encontro de música tradicional en Caldas, mentres que o 29 de xuño tomará parte nun intercambio en Betanzos, aos que logo engadirán novas citas en Outes e Cuntis en xullo e agosto, que se suman á súa participación nas últimas semanas en encontros de acordeóns e de zanfonas en diferentes municipios.

Está pasando!