Poio Sesións | © Concello de Poio

As tres bandas do programa Poio Sesións ofrecen un concerto en directo este sábado na Seca

16 Decembro 2024

Trátase dun programa de aceleración musical que se desenvolveu no último trimestre e que incluíu asesoramento musical profesional, gravación de maquetas e videoclip para potenciar o talento musical da xente moza


Tras recibir asesoramento sobre as súas composicións, melodías e arranxos, gravar as súas maquetas en formato MP3 e editar un vídeo musical, chega o momento do directo para as tres bandas que participan no Poio Sesións, o programa de aceleración musical impulsado polo Concello de Poio.

Será este sábado, 21 de decembro, ás 20.00 horas nun concerto na carpa Poio Máxico, instalada na Seca, no que o público poderá comprobar e disfrutar de todo o traballo feito durante estes meses.

Fol de Lume, na categoría de música folk, Caos Harmónico, en música rock, e Arroww, como música urbana-electrónica, subiranse ao escenario da Seca, por onde tamén pasarán todas as persoas que formaron parte da primeira edición deste proxecto, e incluirá ademais a proxección dos vídeoclips que se gravaron por diferentes espazos do municipio.

En total, máis de 20 rapaces e rapazas que recibiron asesoramento e formación gratuíta da man de profesionais nos últimos tres meses do ano.

O Poio Sesións é un programa de aceleración musical posto en marcha polo Concello de Poio e que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, para apoiar a creación musical emerxente no municipio, unha iniciativa que permite acelerar proxectos e amplificar xéneros en galego entre bandas de persoas mozas non profesionais.

Está pasando!