This is a repeating event

XLVII Festa do Viño de Barro

xov18xuñConsultarXLVII Festa do Viño de Barro18, 19, 20 e 21 de xuño de 2026(Consultar: xoves) Pazo da Crega - Barro

Detalles do Evento

Durante o acto de presentación da XLVII Festa do Viño, que terá lugar do 19 ao 21 de xuño, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, amosouse moi satisfeito pola evolución da cita, destacando que estamos ante unha celebración que vai medrando ano a ano grazas ao esforzo de todas as partes implicadas. Segundo explicou o rexedor, esta corenta e sete edición é o reflexo dun proxecto consolidado que cada vez atrae a máis xente e que pon en valor os viños de Barro, que cada vez son máis recoñecidos pola súa calidade.

O alcalde quixo facer especial fincapé en que o verdadeiro protagonismo desta celebración, unha vez máis, recaerá nos colectivos e na veciñanza de Barro, cuxa implicación e participación son os auténticos piares sobre os que se asenta o éxito desta gran cita anual. A este respecto, Fernández Abraldes salientou que, aínda que a programación será potente, a alma da festa é a súa xente, xa que sen o traballo asociativo e o ambiente único que crea a veciñanza, a festa non tería a vitalidade que amosa en cada edición.

O investigador e artesán Celso García Alonso será o encargado de dar o pregón da XLVII edición da Festa do Viño de Barro, unha decisión que foi anunciada oficialmente polo alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o concelleiro responsable do evento, Iván Bello Ferreiro.

Natural de Portas pero veciño de Barro desde hai décadas, Celso é unha figura profundamente vinculada ao tecido social e cultural de Barro. É autor de obras de referencia como ‘As campás galegas. Fundicións’, un exhaustivo traballo de investigación etnográfica, e ‘Froito dunha ilusión’, libro no que narra a historia da Banda Xuvenil de Barro.

Ademais da súa faceta como escritor, mantén vivo o oficio de oleiro, elaborando pezas con técnicas tradicionais e ferramentas de fabricación propia. Con esta elección, o Concello segue apostando por que sexa a xente da casa a protagonista da súa propia festa. Esta edición volverá ser unha exaltación da identidade de Barro a través dunha das voces máis queridas entre a veciñanza.

A lectura do pregón terá lugar no acto de inauguración da XLVII Festa do Viño o venres 19 de xuño a partir das 20:00 horas.

Aínda que o Concello de Barro desvelará a programación completa nos vindeiros días, os responsables adiantaron que o cartel musical volverá contar coa presenza de orquestras e actuacións de primeiro nivel para asegurar que a festa siga nesa senda de crecemento.

O venres 19 de xuño, a verbena correrá a cargo das orquestras La Mecánica e Panorama City, e o sábado 20 chegará o turno de Marbella e América de Vigo.

Entre os atractivos desta nova edición non faltarán o prestixioso certame de viños da D.O. Rías Baixas e o xa tradicional concurso de viños caseiros, unha cita que pon en valor o esforzo dos pequenos produtores locais e que é parte fundamental da esencia de Barro.

domingo 21, a XLII Festa do Viño botará o peche á programación desta edición cun concerto moi especial no Pazo da Crega. Ás 20:00 horas terá lugar o espectáculo “Grandes Mulleres, Grandes Cancións”, unha proposta musical que xuntará sobre o escenario á Banda de Música Xuvenil de Barro e á cantante Fátima Pego.

O acto será presentado por Xurxo Souto e contará, ademais, coa colaboración especial dos gaiteiros Felipe Rea e Borja Becerra, xunto con algunha outra sorpresa preparada para por fin aos días de festa. A entrada é de balde ata completar o aforo do recinto.

Hora

Consultar (Xoves)

Localización

Pazo da Crega

Lugar Canai, 1, 36194 Barro

Está pasando!