Boyanka Kostova volve sorprender cunha proposta pioneira na que presenta de maneira simultánea os dous últimos adiantos previos á saída do disco

11 Maio 2023

Boyanka Kostova volven facelo. Presentan o seu último adianto antes da saída do disco, aínda que en realidade son dous. ‘Magic English’ e ‘Freshsks II’ son dous singles que se gozan mellor xuntos; por cantidade e por calidade. Un auténtico 2×1 do dúo santiagués formado por Cibrán García e O Chicho do Funk -Ortiga-. Unha vez máis, pioneiros, tamén nisto.

Ambos os temas foron compostos o pasado 2017, pero o tempo non pasou por eles; seguen resultando cancións frescas e Boyanka Kostova recupéraas agora para que formen parte do seu próximo disco, que verá a luz o próximo 1 de xuño. De feito, o título do mesmo xa pode escoitarse entre as rimas destas cancións.


 ESCOITA ‘MAGIC ENGLISH’ 

‘Magic English’ e ‘Freshsks II’ é un novo paso adiante na súa proposta. Dous temas nos que destaca a lírica con rimas afinadas, pero que presentan unhas bases máis lentas; un adianto -de feito, dous- que deixa entrever que neste disco, o seu primeiro traballo publicado baixo o selo de Ernie Records, tamén haberá espazo para a calma, que non para a relaxación. Porque se algo demostran estes temas é traballo, pura psicodelia contaxiosa, auténtico flow.

‘Magic English’ e ‘Freshsks II’ soan a Boyanka Kostova, pois non perden o seu aceno de identidade nestes novos ritmos. Con todo, trátase de propostas totalmente diferentes aos adiantos anteriores, ‘A feira dás mentiras’ e  ‘ORDOÑO’; a certificación de que o dúo santiagués crece tema a tema. Cada vez máis versátil, conquistando máis espazo nunha escena que espera ansiosa a chegada dun disco realmente prometedor para o que xa falta moi pouco.


 ESCOITA ‘FRESHKS II’ 

‘Magic English’ e ‘Freshsks II’ tamén se presentan unidas nun videoclip que resulta unha auténtica obra de arte. Desenvolto por Álvaro Alvite, só fai falta pulsar play para recoñecer, xa no primeiro segundo, que merece a pena o visionado; obrigatorio gozalo. Tanto na primeira reprodución, como en todas as que virán despois para seguir descubrindo detalles.

A produción,  que estará dispoñible moi pronto, comeza co tema de ‘Magic English’; desenvólvese cunha chiscadela moi especial ao mundo dos videoxogos, e presenta referencias directas a clásicos como o GTA ou o Street Fighter. Unha xoia.

‘Magic English’ e ‘Freshsks II’ volven certificar o salto de calidade de Boyanka Kostova no próximo disco. Experimentando con temas recuperados do pasado ano 2017, presentan estas dúas cancións demostrando que a frescura das mesmas parte da súa propia diversión persoal. Eles flúen. E a súa enerxía contáxiase.


Boyanka Kostova | © Álvaro Alvite

PRÓXIMAS DATAS

08/07 · TEO (Música na Noite)

22/09 · VIGO (TerraCeo)

Está pasando!