Concurso fotográfico ‘Historia dunha ollada: Vigo e a súa escola’

3 Marzo 2021

Neste 2021 celébrase o centenario dun dos núcleos da rede empresarial e industrial galega, a Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo.

Co fin de conmemorar estes 100 anos nos que máis de 20.000 estudantes decidiron formarse nas súas aulas, a escola acaba de convocar o certame fotográfico titulado ‘Historia dunha ollada: Vigo e a súa escola’. 

O concurso, que pretende atopar as imaxes que mellor representen o valor da escola, está aberto desde hoxe luns a todas as persoas interesadas e é posible enviar propostas ata o vindeiro 31 de marzo.

Aberto a calquera persoa, pertencente ou non á comunidade universitaria, o certame conta con dúas modalidades de participación, fotografía única e serie, e cada unha destas categorías ten tres premios. O primeiro consiste nunha achega económica de 300,00 € e unha experiencia dunha semana cun fotógrafo profesional, co que as gañadoras ou gañadores coñecerán de primeira man o traballo feito en sesións e edicións fotográficas. O segundo premio comprende unha cantidade de 150 €, mentres que e o accésit supón a entrega de 50 €. Ademais, cada participante obterá un agasallo.

O xurado, formado por tres docentes, un PAS, tres estudantes da escola e o fotógrafo Lalo R. Villar, dará a coñecer o nome dos galardoados entre o 19 e o 23 de abril.

Tanto as fotografías gañadoras como o resto das enviadas serán impresas e expostas temporalmente no vestíbulo da Escola Universitaria de Estudos Empresariais, sempre que o número de imaxes reunidas non sexa demasiado alto. Nese caso, o xurado seleccionará unha cantidade apropiada para a entrada do edificio.

Entre a última semana de abril e a primeira de maio, despois da publicación das gañadoras, terá lugar a entrega de premios e a inauguración desta exposición temporal. 

Está pasando!