Continúan as visitas guiadas á exposición ‘Xuventude Crea. Máis dunha década’ que acolle o Café Moderno

22 Setembro 2021

Café Moderno Afundación de Pontevedra acolle ata o 9 de outubro a exposición ‘Xuventude Crea. Máis dunha década’, organizada pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que recolle 29 pezas premiadas no certame Xuventude Crea desde os seus comezos até a actualidade.

Unha escolma que representa a creación contemporánea galega dos últimos 14 anos en diferentes eidos, que van desde o deseño de moda á banda deseñada, escultura, fotografía ou xoiaría.

Ao longo de 14 edicións, o certame Xuventude Crea converteuse nunha plataforma dinamizadora do talento artístico novo en Galicia. Abranguendo catorce especialidades, trátase dun dos concursos nos que a multidisciplinariedade creativa queda máis patente.

Desde xoiaría, téxtil, pintura, danza, graffiti ou videocreación, ata banda deseñada, cociña ou videoxogos, as convocatorias de Xuventude Crea conseguen xuntar o potencial de Galicia no eido da arte contemporánea.

A mostra que comisaría Alexandra Rodríguez Rey presenta un total de 29 pezas escollidas entre todas as presentadas ás diferentes edicións deste certame e que o público poderá contemplar, cunha visita guiada complementaria da man da propia comisaria.

Actividade do Xacobeo 21-22

Horario:

  • Luns a venres, de 17.30 a 20.30h.
  • Sábados, de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30h.

Visitas guiadas con Alexandra R. Rey:

  • Público familiar | Sábados | 12.00h.
  • Público xeral | Xoves | 19.30h.

[Agás o xoves 16 e o sábado 18 Set]

Reserva a túa visita aquí!

Está pasando!